A CIG reivindica unha suba xeneralizada dos salarios galegos de 101 euros ao mes

O sindicato expón que 35,4% das persoas asalariadas non chegan ao salario mínimo.
Os representantes da CIG, Francisco González Sío e Paulo Carril, esta sexta feira na presentación do informe de salarios de 2022 do sindicato (Foto: Nós Diario).
photo_camera Os representantes da CIG, Francisco González Sío e Paulo Carril, esta sexta feira na presentación do informe de salarios de 2022 do sindicato (Foto: Nós Diario).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou nesta sexta feira que 35,4% das persoas asalariadas galegas cobra por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI), polo que reivindicará unha alza nas nóminas de 101 euros ao mes.

En rolda de prensa, a central nacionalista presentou as súas propostas para as negociacións colectivas deste ano, que se centran en cinco puntos de acción entre os que figura ese incremento salarial de 5%.

Así, segundo explicou o secretario confederal de negociación colectiva do sindicato nacionalista, Francisco González Sío, este aumento ten que ser igual ao Índice de Prezos de Consumo (IPC) previsto, xa que "de non ser así produciríase unha perda de poder adquisitivo".

O obxectivo destas liñas de acción, segundo destacou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, é "a loita pola recuperación salarial nun contexto marcado pola carestía da vida e o avance da precariedade laboral".

Desta maneira, a partir da análise da situación sociolaboral da Galiza, apoiada no informe de salarios de 2022 elaborado polo gabinete técnico de economía da central sindical, ambos os representantes trasladaron outras actuacións como "a exixencia dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC real".

Así, expuxeron que en 2022, "43% dos convenios recolleron esta cláusula", e que por tanto, hai moitas persoas traballadoras con convenio "que non tiveron este mecanismo de actualización, polo que sufriron unha perda de poder adquisitivo".

Relacionado con isto, solicitaron que os convenios das empresas se adapten aos sectoriais. A modo de exemplo, sinalaron o que ocorre na planta de Stellantis en Vigo, "onde os traballadores teñen salarios inferiores ao convenio sectorial do metal".

Outra cuestión "fundamental" que expuxeron é o control da contratación a través da negociación colectiva, xa que a ausencia de regularización, aseguran, crea "descontrol e flexibilidade total por parte da patronal para ser dona e señora da vida das persoas traballadoras".

Tamén no caso da contratación eventual, que, dixeron, "segue igual que antes" da reforma laboral, "a pesar de que nela se falase dunha estruturación nos postos de traballo". A CIG censura que aínda existe neste punto "un problema de fraude".

Ademais, o sindicato abordou a utilización e extensión dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) como unha medida de flexibilidade dentro das empresas e dos sectores, aínda que, sinalou a CIG, esta formula "non debe ser a norma".

Caída da afiliación

Carril apuntou que o mercado laboral galego continúa a expulsar persoas traballadoras, con 5.345 afiliadas menos á Seguridade Social en decembro. O descenso leve do desemprego, acrecentou, "está ligado á contratación a tempo parcial no sector servizos, mentres aumentaron en máis de 120% os contratos fixos descontinuos".

Nese sentido, o secretario xeral da CIG subliñou que "as rendas do traballo constitúen hoxe 44% do PIB, mentres que as rendas do capital 56,1%, cando en 2009 -ano da entrada do Partido Popular no Executivo da Galiza- representaban 48%".

A fenda salarial de xénero sitúase nunha porcentaxe de 18,6%

No que atinxe á fenda salarial de xénero, o informe da CIG reflicte que "esta é menor no caso dos salarios estimados que nos ingresos reais, o que amosa que unha parte importante da mesma se xustifica polas condicións laborais de xornadas parciais e temporalidade".

Así, explica, "persiste a forte fenda de xénero -nos salarios- xa habitual no noso mercado de traballo". No ano 2021 esta situouse en 18,6%, o que, en termos monetarios, equivale de 4.238 euros brutos anuais menos, desvela a publicación. Con todo, respecto a 2019, "a diferenza reduciuse en 1,9 puntos porcentuais e en valores absolutos minorou en 289 euros".

O incremento do SMI "contribuíu a reducir dita fenda, xa que as mulleres son maioritarias nos tramos de menores ingresos, polo que a evolución do SMI incide directamente na súa situación económica", expón o informe.

Comentarios