A empresa que despediu por "coller vacacións" os traballadores que auxiliaron Samuel Luiz denunciará a CIG

No seu comunicado, a CIG argumentou que ambos os senegaleses foron despedidos por "coller vacacións" en Nadal e que por parte da empresa tiveron un "contrato abusivo", algo que a empresa nega.
Ibrahima e Magatte traballaban até agora en Puertas Betanzos (Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán).
photo_camera Ibrahima e Magatte traballaban até agora en Puertas Betanzos (Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán).

Puertas Betanzos, a empresa que contratou e posteriormente despediu os dous senegaleses que trataron de axudar Samuel Luiz -o mozo que foi asasinado na Coruña en xullo de 2021 tras unha brutal malleira no paseo marítimo da cidade- denunciará a Confederación Intersindical Galega (CIG), tras informar a central sindical deste despedimento.

No seu comunicado, a CIG argumentou que ambos os senegaleses foron despedidos por "coller vacacións" en Nadal e que por parte da empresa tiveron un "contrato abusivo", algo que a empresa nega.

Á súa vez, Puertas Betanzos emitiu outro comunicado esta cuarta feira, no cal anuncia a interposición de "accións legais por intromisión ilexítima na reputación" da empresa fronte á CIG para pedir a rectificación das manifestacións, ademais dunha indemnización por dano moral.

Por outro lado, rexeitan teren levado a cabo "prácticas ilegais" na contratación de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye ou que percibisen "un salario máis baixo que o estabelecido no convenio".

Nega tamén que se lles pedise que reconsiderasen coller vacacións en Nadal e que fose este o motivo do despedimento, que volven vincular con "causas organizativas, produtivas e económicas" e insiste en que os dous homes "foron avisados coa antelación suficiente" e que recibiron "a máxima indemnización estabelecida por lei".

O comunicado da CIG

A CIG denunciou que o “aparente acto de bondade” por parte de Puertas Betanzos deu nun “contrato abusivo, con xornadas intempestivas de até 10 e 11 horas diarias polo soldo máis baixo do convenio”, segundo explicou a CIG a través do seu comunicado.

O sindicato explica que a situación chegou ao límite este Nadal, cando desde a empresa, tras saber que os dous empregados querían viaxar ao seu país aproveitando o seu período de vacacións, trataron de convencelos de renunciar ás mesmas, algo ao que se negaron.

Comentarios