A gravidade dos accidentes laborais crece na Galiza após as crises económicas
Na crise da Covid, unha das chaves para conter a transmisión do virus na sociedade foron as medidas de seguridade e saúde laboral que se activaron nos centros de traballo. Hoxe, 28 de abril, conmemórase o Día mundial da seguridade e a saúde no traballo, e as cifras na Galiza son preocupantes: a sinistralidade no ámbito laboral incrementou 18% en 2021 respecto do ano anterior e 26% nos dous primeiros meses de 2022 en comparación co mesmo período de 2021.
Ademais, o país segue á cabeza do Estado en casos graves e mortais, con 48 falecementos en 2021 e 29 até febreiro do presente ano. O máis preocupante é que ese dato, o dos accidentes graves e mortais, adoita a dispararse en proporción ao número total de accidentes con baixa nos períodos de recuperación posteriores a unha crise, como demostra a progresión dos dous últimos anos, que semella á rexistrada entre os anos 2012 e 2015, onde os sinistros no lugar de traballo con resultado de morte pasaron dos 45 aos 61 (+35%), mentres que o número de accidentes con baixa no mesmo período medrou 5,8%.
Inseguridade cronificada
Este é un dos motivos que leva os sindicatos a exixir das Administracións compromisos e medidas para atallar esta problemática a través da mellora das condicións de traballo e a redución da temporalidade, factores que, segundo subliñan, repercuten nesta problemática.
A CIG atribúe a "cronificación" da inseguridade laboral á "inoperancia e falta de vontade política" do Goberno galego para artellar esas medidas, xa que, segundo advirte, un traballador ou traballadora galega ten "case o dobre" de probabilidades de sufrir un accidente laboral grave ou mortal que as do resto do Estado, unha realidade "inaceptábel", engaden.
Desde CCOO sinalan que, nun momento no que a actividade parece relanzarse ao calor dos plans de recuperación, é esencial acompañar o proceso "dun pulo decidido" ás políticas públicas en materia de prevención de riscos laborais e ao aumento da actividade inspectora.
Na mesma liña, UXT pon o foco na necesidade de "repensar" o modelo de xestión preventiva nas empresas e "fortalecer" os organismos encargados de velar pola seguridade e a saúde nos centros de traballo.
Propostas de mellora
Neste senso, UXT suxire "cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seo das empresas, á vez que pide reverter a norma que permite ao empresariado asumir as tarefas en materia de prevención nos centros de menos de 25 persoas traballadoras.
Pola súa parte, CCOO tamén propón ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e dos organismos técnicos e unha Fiscalía que acometa con máis intensidade a súa acción nos delitos de risco e de dano á saúde das persoas traballadoras, mentres que a CIG reclama marcos galegos de relacións laborais e de políticas públicas de seguridade e saúde laboral, mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención e derrogar a lei que outorga á mutuas capacidade de xestión da incapacidade temporal.