luns 18/10/21

As grandes metalúrxicas fracasan nos seus intentos de recortar persoal

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de anular o ERTE de Xeal por "mala fe" da empresa, igual que fixera en decembro co despedimento colectivo presentado pola multinacional Alcoa.
Persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) celebra o pasado decembro a decisión do TSXG de anular o ERE da multinacional (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Persoal de Alcoa en San Cibrao celebrou en decembro a decisión do TSXG de anular o ERE da multinacional (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

As grandes empresas metalúrxicas presentaron durante a crise derivada da Covid-19 expedientes de regulación de emprego, mais a Xustiza cruzouse no seu camiño.

O caso máis soado nos últimos meses foi o de Alcoa, que puxo sobre a mesa un ERE para 524 traballadores e traballadoras da súa planta de aluminio primario en San Cibrao (Cervo) alegando, entre outras cuestións, falla de rendibilidade, cando os prezos do aluminio no mercado non paran de subir e de mellorar as contas de resultados da multinacional norteamericana. 

Neste caso, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) determinou que Alcoa obrara de "mala fe" durante o proceso de negociación, xa que non demostrara vontade real para colocar a planta a un terceiro, tal e como agora está a negociar coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), con Liberty House de convidado de pedra. De momento non hai acordo á vista, pero o que si podería chegar nos próximos días é a resposta do Tribunal Supremo ao recurso interposto pola empresa contra esta decisión. 

Antiga Ferroatlántica

Pero o de Alcoa non é o único caso. Nos últimos días, o TSXG tamén anulou o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) iniciado por Xallas Electricidade e Aliaxes (Xeal) por mala fe negociadora no período de consultas.

O veredicto estima en parte o recurso presentado pola CIG contra a decisión adoptada pola empresa, agora declarada nula, que afectou a 213 traballadores e traballadoras entre os días 21 de abril e 3 de xullo de 2020.

O TSXG alega que a empresa non facilitou a documentación requirida pola parte social para o desenvolvemento das negociacións, ao tempo que reprocha a "ocultación" de información de relevancia ─como a substitución da produción do forno 14 (de silico manganeso) polo forno 12 (de ferrosilicio)─.

Na sentenza, na que condena a compañía a repor as persoas afectadas nas condicións de traballo previas á adopción da decisión co aboamento dos salarios deixados de percibir e ao reintegro das prestacións por desemprego aboadas polo Servizo Público de Emprego Estatal, sinala que este cambio produtivo se executou o día despois de finalizar o período de consultas (20 de abril de 2020), a pesar de que a empresa xustificaba o ERTE en que ía concentrar toda a produción común en dúas unidades produtivas. Porén, con este cambio, desde o 21 de abril xa non habería produción de silico manganeso na fábrica de Cee.

Acordo de subministración

Os acordos de subministración están a ser un punto de fricción nas operacións de venda. Aconteceu con Alcoa e Alu Ibérica e agora tamén con Xeal.

De feito, a sentenza recolle que o contrato asinado con FerroGlobe (anterior propietaria das plantas) após a venda, do que depende a actividade das fábricas de Cee e Dumbría, garantía para as plantas da Costa da Morte un trato equivalente ao doutras fábricas de FerroGlobe, pero mentres factorías do grupo funcionaban a pleno rendemento por aquel entón, Xeal paraba os fornos e activaba este ERTE.

comentarios