A Galiza ten a maior taxa de fuga de persoal cualificado cara a fóra do Estado

Os investigadores da USC Jose Blanco e Manuel González veñen de publicar as conclusións do seu estudo sobre a emigración de persoas galegas con alta cualificación ao exterior, certificando que a Galiza sofre amplamente este fenómeno, sendo a comunidade coa maior taxa con destino a fóra do Estado.
"O escaso dinamismo do mercado de traballo galego" é sinalado como causa da emigración de persoas con titulación superior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera "O escaso dinamismo do mercado de traballo galego" é sinalado como causa da emigración de persoas con titulación superior. (Foto: Nós Diario)

"A Galiza é unha das comunidades máis afectadas" pola fuga de persoas con alto nivel formativo, así o corrobora o estudo Emigración e fuga de cerebros na Galiza, 2001-2019, dos investigadores da Universidade Santiago de Compostela (USC) Jose Blanco e Manuel González, publicado no novo número da Revista Galega de Economía.

Blanco explica a Nós Diario que os datos existentes "non serven para medir de forma efectiva estas migracións" polo que o estudo desenvolve "unha metodoloxía propia para intentar estimalas". No caso da migración cara a fóra do Estado español, "a Galiza sería a comunidade con maior taxa" de fuga de persoas con alta cualificación, o que "até certo punto débese tamén polas migracións das décadas anteriores".

Con respecto á mobilidade dentro do Estado español, González pon o énfase na crecente importancia do "efecto capitalidade" de Madrid, un elemento con maior relevancia "nos últimos 20 ou 25 anos" que fai que "a Galiza se vexa afectada coa saída de persoas de alta cualificación". Os servizos avanzados son os que máis demandan persoal cualificado na actualidade e "por razóns diversas se concentran en Madrid". A emigración de persoas cualificadas  na Galiza non é enorme, mais "o preocupante é que o saldo é negativo de forma continuada", salienta.

Desemprego xuvenil

A taxa de desemprego da mocidade galega, de 32% no primeiro trimestre de 2022, foi "sempre superior a 30% durante o período 2009-2020". Mentres que na Unión Europea e na eurozona "nunca chegou a superar o limiar de 25%". Alén diso, no espazo temporal da investigación, "aqueles que tiveron a sorte de contar cun emprego enfrontáronse a unha gran precariedade, que podemos exemplificar na elevada taxa de temporalidade ou no estancamento salarial". A emigración das persoas con alta cualificación apareceu "como unha saída lóxica para afrontar esta situación", explican os investigadores.

Durante o período previo á crise de 2008 tiñan "especial relevancia os fluxos migratorios asociados ao turismo e á construción". Coa crise, a falta de oportunidades laborais "en sectores de baixa cualificación" frea a emigración galega dentro do Estado, mais con diferenzas, "a diminución na mobilidade dos traballadores altamente cualificados é moito máis reducida e recuperase cedo cun incremento sostido desde entón". Tanto é así que "na actualidade, os traballadores cualificados xa teñen unha taxa de mobilidade maior".

Así, a Galiza “perde ao redor de 5% do total de contratos realizados a traballadores cualificados", perdendo "unha parte non desprezábel da súa poboación en idade laboral cada ano, o que vai agravar as xa precarias dinámicas demográficas". Unha situación desde 2008 que coloca a Galiza dentro do Estado español, segundo este estudo, "con diferenza", como "a comunidade máis afectada" pola fuga de persoas con alto nivel formativo fóra do Estado. Ademais, dentro do Estado, corroborase tamén que "a Galiza é unha exportadora de talento".

A emigración galega fóra do Estado "aumentou de forma significativa coa crise económica e mantense en niveis elevados desde entón". Ademais, "o nivel educativo dos emigrantes aumentou de forma significativa nese período, sendo os destinos máis recentes da emigración galega (Reino Unido, Estados Unidos, Irlanda...) aqueles onde a cualificación dos emigrantes é maior". Os cálculos realizados polos autores así o referendan. O estudo amosa como "case 65% dos emigrantes galegos no Reino Unido contaría con estudos superiores, por apenas 13% dos que residen na Arxentina e 24% dos que residen en Suiza". 

O incremento da migración de persoas nadas na Galiza a terceiros Estados "é notábel a partir do 2008" e estas taxas de emigración mantéñense "en niveis superiores aos anteriores á crise de forma constante" durante todo o período (até 2019). Dentro do Estado, afírmase, a Galiza rexistra un "saldo negativo de forma crónica", sinalando "o escaso dinamismo do mercado de traballo galego como o principal problema que explica a posición migratoria" da Galiza.

Comentarios