Batería de propostas da CIG “para unha saída galega xusta da crise”

O principal sindicato da Galiza presenta a campaña para socializar e impulsar as súas medidas dirixidas á recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego.

Susana e Paulo CIG
photo_camera Susana Méndez, secretaria de Organización, e Paulo carril, secretario xeral da CIG (Foto: CIG)

Unha “saída galega xusta” á crise que pase pola recuperación económica e o emprego digno e na que os poderes públicos teñen que xogar un papel de peso. A CIG vén de presentar unha campaña para socializar o documento coas súas propostas e medidas cara a esta finalidade.  Traza para iso un calendario de mobilizacións nos próximos meses e anuncia que o documento será trasladado ao Goberno español, á Xunta e aos grupos parlamentares para a súa toma en consideración.

"As medidas da chamada reconstrución non deixan de ser as receitas de sempre, ditadas desde a UE e asumidas acriticamente polo Executivo de PSOE e Unidas Podemos. E aplícanse, ademais, desde unha visión fanaticamente centralista e negadora da realidade plurinacional do Estado", alertou Paulo Carril, secretario xeral da CIG.

Advertiu da especial incidencia da crise en Galiza, pois súmase a “unha profunda crise industrial, co desmantelamento de actividades estratéxicas e a perda de sectores produtivos completos”.

O secretario xeral da CIG acusou a Xunta de contribuír coa súa inacción a esta destrución e de aplicar unha política suicida de desenvolvemento económico consistente “case en exclusiva na eucaliptización do país en favor da industria pasteira, e no fomento insostíbel do sector servizos, especialmente do turismo e do Camiño de Santiago”.

Xunto a isto, Carril salientou que a xestión da pandemia puxo en evidencia” as eivas, o fracaso e as inxustizas do capitalismo, dado que se priorizan os intereses económicos por enriba da vida das persoas”.

Reforzo

O documento da CIG recolle propostas transversais para afianzar a intervención pública nos sectores produtivos estratéxicos e no sector financeiro, indica o sindicato nacionalista.

A CIG pula pola creación dunha Banca Pública Galega, un Instituto da Empresa Pública Galega, o retorno ao sector público das empresas privatizadas, a nacionalización de industrias estratéxicas como Alcoa San Cibrao ou Alu Ibérica, a formalización dun concerto económico  entre o Goberno galego e o español ou esixir a xestión directa pola Xunta dos fondos europeos destinados ao noso país.

Tamén hai propostas para lograr unha fiscalidade progresiva e máis xusta, dar estabilidade e aumentar a inversión en I+D+I e para a defensa e a mellora dos servizos públicos.

A CIG pon riba da mesa de novo a creación dunha tarifa eléctrica propia, a racionalización da xestión do monte, a creación dunha empresa pública galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas, a inclusión de Galiza no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 en igualdade de condicións que outras comunidades ou a aprobación inmediata dos convenios de transición xusta para As Pontes e Meirama.

Como  tamén  para se que se vincule obrigatoriamente a implantación dos parques eólicos con criterios ambientais e sociais e se asocien ao desenvolvemento de plans industriais e á participación pública nestas instalacións.

O documento contén propostas tamén en materia de recuperación de dereitos laborais e socias.

Comentarios