Folga no sector da limpeza contra a precariedade laboral e os baixos salarios

Concentracións en vehículos e a pé visibilizan  a primeria xornada de paro, marcada por uns servizos mínimos “abusivos”, segundo os sindicatos.

Folga sector limpeza provincia da Coruña
photo_camera (Foto: EU Coruña)

Varias concentracións en vehículos e a pé visibilizan esta quinta feira a primeira xornada de folga do sector da limpeza na provincia da Coruña, á que están chamados uns 10.000 traballadores e traballadoras, mais á que só poden acudir ao redor de mil, segundo os cálculos dos sindicatos, debido aos servizos mínimos dos 100% impostos pola Xunta para boa parte dos edificios e centros oficiais.

De acordo cos datos d o portavoz da CIG neste sector, Paulo Rubido, por volta dun 50% de quen poden secundar de facto o paro están a facelo na cidade de Santiago.

Atribúe esta participación, "en función do previsto", á "complexidade" da folga, xa que o milleiro de persoas que si poden ir á folga correspóndense con aquelas que desenvolven as súas tarefas en edificios e vivendas privadas, o que reduce o seu nivel de sindicación, á marxe doutros que traballan nalgún centro fabril.

Así as cousas, e para dar visibilidade ao conflito, que responde á necesidade de negociar un convenio colectivo caducado desde finais de 2019, uns 50 vehículos dificultaron o acceso ao polígono do Tambre ao redor das 8:00 horas.

Logo desprazaron as súas protestas con carteis ao centro da cidade e de aí ás portas do Corte Inglés. Ao mediodía, a marcha irá a pé cara á praza de Galicia.

CIG, CC.OO. e UXT, que convocan esta folga cpara denunciar as condicións de precariedade deste colectivo, "máis esencial que nunca" en plena pandemia, e reclaman unha subida salarial superior á "miseria" que ofrece a patronal.

Arredor dun 95% do persoal do sector de limpeza son mulleres. Na súa inmensa maioría teñen contratos a tempo parcial e os seus salarios apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional aínda que a maioría ingresan anualmente entre 8.000 e 10.000 euros. Unha situación que non padecen a meirande parte dos seus compañeiros homes, que copan a maioría dos contratos a xornada completa e teñen, polo tanto, aínda que baixos, mellores salarios.

Aínda que estaba prevista inicialmente unha única xornada de paro esta quinta feira, día 22 de abril, o comité de folga anunciou a convocatoria doutras dúas xornadas de folga consecutivas para os días 11 e 12 de maio, advertindo de que “no caso de non ser atendidas as nosas reivindicacións, máis xornadas de folga haberá”.

Comentarios