Folga indefinida en IKF da Guarda polo "descoido da Xunta"

A CIG-Construción denuncia que a empresa vulnera o pacto ao que chegaron aplicando o convenio estatal. Alertan do perigo desta situación nunha comarca "moi desindustrializada".
Asemblea de persoal de IKF na Guarda (Nós Diario).
photo_camera Asemblea de persoal de IKF na Guarda (Foto: Nós Diario).

O persoal de IKF, compañía dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede na Guarda, iniciou esta terza feira unha folga indefinida despois de que a dirección confirmara que non renuncia a prolongar a dobre escala salarial e que actualizará os soldos en base ao convenio estatal, vulnerando o pacto de empresa. 

Desde a CIG-Construción denuncian nun comunicado que esta situación chegou polo "descoido da función tanto da Xunta como da autoridade laboral, que tras 35 días de paros continúan sen obrigar a IKF, malia rexeitar a mediación, a sentar para solucionar o conflito laboral". 

Inicio da folga

A decisión de comezar a folga indefinida adoptouse esta pasada segunda feira, segundo explican desde a central nacionalista, "despois de que o director de recursos humanos no Estado español da transnacional francesa propietaria de IKF lles trasladase en asemblea ás e aos traballadores que non dan marcha atrás nas súas pretensións de precarizar as condicións laborais".

Lembran que se trata dunha compañía con 125 anos de historia "nunha zona desindustrializada como a comarca do Baixo Miño"

Como consecuencia desta decisión, iniciaron un paro indefinido que foi secundado, segundo afirman, por 53 das 55 operarias e operarios de produción. 

Desde a CIG-Construción critican que a empresa estea a rexeitar a mediación para pór fin ao conflito, ao tempo que denuncian que nin a Xunta nin a autoridade laboral exerzan as súas competencias e a obriguen a sentarse.

Lembran que se trata dunha compañía con 125 anos de historia "nunha zona desindustrializada como a comarca do Baixo Miño", polo que ten un importante peso no emprego e na economía local.

En canto á dobre escala salarial que propuxo a empresa, desde a CIG afirman que implicaría "que durante unha década convivirían na empresa traballadoras e traballadores facendo o mesmo labor e cobrando distintos salarios", algo que rexeitan.

Comentarios