sábado 23/10/21

Dúas semanas en folga indefinida en IKF contra a dobre escala salarial

Desde o 14 de xullo o persoal de IKF mantén unha folga indefinida nas instalacións da empresa na Guarda. Esta segunda feira recibiron a visita das alcaldesas do Rosal, Ánxela Fernández, e de Tomiño, Sandra González, que lles amosaron o seu apoio.
As alcaldesas do Rosal e Tomiño apoian aos traballadores e traballadoras de IKF, en folga desde hai dúas semanas (Nós Diario)
As alcaldesas do Rosal e Tomiño apoian aos traballadores e traballadoras de IKF, en folga desde hai dúas semanas (Foto: Nós Diario)

O persoal de Imerys Kiln Furniture (IKF) da Guarda continúa coa folga indefinida iniciada o pasado 14 de xullo para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar, a liberalización dos horarios, unha maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións. O seguimento, segundo fontes da CIG, "é masivo" polo que a empresa fixo o seu primeiro achegamento para negociar parte das reivindicacións. 

Porén, segundo Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, a dirección non quere tocar, por agora, a principal problemática que é a eliminación da dobre escala salarial ademais de tentar "forzar a desconvocatoria da folga a cambio de abrir as conversas". Este sindicalista critica "a ausencia da Xunta da Galiza neste conflito malia a importancia laboral e económica que ten a actividade desta fábrica para á Guarda e o conxunto da comarca". 

A central nacionalista lembra que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF desde ese ano ingresan entre un 25% e un 30% menos de soldo que o resto da mesma categoría laboral, o que supón uns 5.200 euros menos ao ano. "Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis", sinalan. 

Alén diso, IKF pretende, segundo a CIG, que un 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de segunda até sábado, tanto de mañá como de tarde, o que se traduciría "na liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar".

Ademais, denuncian que queren introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, "e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa". Diante do que consideran "un retroceso nos dereitos", o persoal acordou en asemblea iniciar folga indefinida desde o 14 de xullo até que se respondan as súas demandas.

Apoio das alcaldesas do Rosal e Tomiño

As alcaldesas do Rosal, Ánxela Fernández, e de Tomiño, Sandra González, reuníronse esta segunda feira co cadro de persoal de IKF para amosar o seu apoio ás e aos ao redor dos 60 empregadas e empregados cos que conta a compañía na Guarda.

Ambas aseguraron que os concellos do Rosal e Tomiño farán todo o posíbel para que se atope unha pronta solución ao conflito.

comentarios