A folga da limpeza esténdese á Xunta, o Parlamento, o Valedor e a USC

Malia que nestes centros de traballo contan con acordos de empresa, veríanse prexudicados pola pretensión da patronal de recortar artigos do convenio provincial, sinalan os sindicatos.

O comité de folga do sector de limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña, composto por CCOO, UGT e CIG, anunciou esta terza feira que estende a convocatoria dos días 11 e 12 de maio aos centros de traballo da Xunta, Parlamento, Valedor do Pobo e Universidade de Santiago de Compostela. Isto supón incluír nos paros entre 350 e 400 traballadores e traballadoras máis, que se suman aos case 10.000 que xa estaban chamados á folga.

Os voceiros de CCOO, Ricardo Santos, UGT, Manuel Carreira, e CIG, Paulo Rubido, lembraron que o groso do sector está integrado por mulleres, con contrato maioritariamente de tempo parcial e con salarios tan baixos “que poderían acabar por baixo do salario mínimo interprofesional se o Goberno do Estado o aumenta”..

A estensión da folga débese a que nestes centros de traballo, malia contaren con pactos de equiparación, o persoal veríase prexudicado por artigos que pretende recortar a patronal provincial.

De feito, apontan os sindicatos, se non se achegan posturas, haberá novas convocatorias de folga que, neste caso, incluirán tamén o persoal de limpeza dos hospitais das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Santiago-Barbanza.

O conflito reside na necesidade de renovar o convenio colectivo para o sector na provincia da Coruña, posto que o actual caducou o 31 de decembro de 2019.

A mesa de negociación ía constituírse en marzo de 2020 mais a epidemia de coronavirus provocou un adiamento até setembro, mes no que empezaron as reunións entre a parte sindical e a patronal, até decembro, cando racharon as conversas.

A patronal, segundo os sindicatos, ofrece un mantemento dos soldos (0%) en 2020 e unha suba do 1% en 2021, mentres que os representantes das traballadoras e traballadores reclaman un 1,5% e un 2,5%, respectivamente.

Igualmente, os sindicatos censuran que a patronal pretende eliminar dous artigos do convenio relativos a dereitos consolidados como a xubilación parcial e o que regula a ampliación de xornada cando haxa vacantes ou postos libres no centro de traballo ou empresa.