A fenda salarial, lonxe de reducirse, medra na Galiza: as mulleres xa cobran 4.519 euros menos que os homes

Por outra parte, o IGE publica esta sexta feira unha serie de datos que evidencian que Galiza só conta cunha afiliado menor de 40 anos á Seguridade Social por cada dous maiores desa idade.
Traballadora (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera As mulleres cobran, de media, 19.666 euros ao ano na Galiza. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

A fenda salarial entre sexos incrementouse notabelmente na Galiza durante o pasado ano 2022. As mulleres, cun salario medio de 19.666 euros, cobraron de media até 4.519 euros menos que os homes —24.185 euros—, unha suba de 281 euros fronte aos 4.238 euros de diferenza que había o ano anterior. Esta fenda salarial galega é menor que os 4.999 euros de diferenza no conxunto do Estado español, pero os salarios medios a nivel estatal son maiores tanto para homes —25.137 euros— como para mulleres —20.138 euros—.

De feito, a fenda salarial da Galiza, cunha media de ambos os sexos de 21.999 euros de salario anual, respecto ao Estado —22.781 euros— tamén empeora en 2022, dado que se sitúa en 782 euros, cando en 2021 era de 733 euros. A diferenza mínima entre o país e o conxunto do Estado tivo lugar no ano 2020 —603 euros—.

O número de persoas que recibiron en 2022 un salario incrementouse até as 1.067.825 na Galiza. Os 21.999 euros de media son a maior cifra na serie histórica. No país, aliás, o maior salario en 2022 rexístrase no sector de entidades financeiras —35.680 euros—, mentres que o menor é o doutros servizos persoais e de lecer —11.109 euros—.

Un afiliado á Seguridade Social menor de 40 anos por cada dous maiores

Por outra parte, o IGE publica esta sexta feira unha serie de datos que evidencian que Galiza só conta cunha afiliado menor de 40 anos á Seguridade Social por cada dous maiores desa idade. Así figura na estatística relativa a afiliacións de outubro de 2023, na que cifra que por cada 100 afiliados menores de 40 anos residente no país hai 224 traballadores maiores desta idade.

Entre as sete cidades, a peor taxa obsérvase en Ferrol —240,9 afiliados maiores de 40 por cada 100 menores desa idade—, e fican por baixo da media galega as cidades da Coruña —206,9—, Ourense —211,5— e Vigo —223—. Pola súa parte, A Coruña (+0,1%) é a única das sete cidades na que aumentan os afiliados e afiliadas á Seguridade Social en outubro a respecto de setembro, cun total de 93.151.

Galiza en conxunto conta con 999.807 persoas afiliadas en outubro, o que supón unha caída de 0,7% fronte ao anterior mes. A maior baixada fronte a setembro nas cidades prodúcese en Pontevedra (-0,8%), seguida de Santiago (-0,6%), Ferrol (-0,3%), Vigo (-0,1%) e Lugo (-0,1%). A taxa en Ourense mantense invariábel (0,0%). Con todo, na comparativa con outubro de 2022 prodúcese unha suba xeneralizada de afiliados.

Comentarios