A falta de corresponsabilidade lastra o acceso das mulleres ao mercado de traballo: as galegas teñen a segunda peor taxa de actividade no Estado

CCOO e UXT presentan o informe '8 de Marzo'.
Unha nai pasea co seu bebé nun carriño (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha nai pasea co seu bebé nun carriño (Foto: Europa Press).

A corresponsabilidade no fogar segue sendo a "gran materia pendente" para a sociedade galega en canto a igualdade efectiva entre homes e mulleres, segundo apunta un informe de UXT e CCOO. A súa ausencia, critican, dificulta o acceso ao mercado laboral das mulleres e lastra as súas carreiras profesionais.

Así o apunta o informe 8 de Marzo elaborado polos sindicatos e presentado esta terza feira pola secretaria de Muller de CCOO na Galiza, Mamen Sabio, e a secretaria de Igualdade de UXT, Trinidad Campos.

Aínda que a principal causa de inactividade é a xubilación, o estudo reflicte que das 619.600 mulleres inactivas na Galiza, 114.900 estano por "labores de casa", fronte aos 21.400 homes dun total de 297.800 inactivos.

Ademais, a Galiza rexistra a segunda taxa de actividade feminina máis baixa do Estado, de 49,5%. Só Asturias, con 47,7%, ten un índice máis baixo. O diferencial coa media estatal, de 54,4%, é de 4,9 puntos, e cos galegos activos (57,2%), de case oito puntos.

Tamén nesta liña, indican que das persoas inactivas que non buscan emprego polo "coidado de menores, persoas adultas enfermas, discapacitados ou maiores", 86,9% son mulleres, mentres que "por ter outras responsabilidades familiares ou persoais", as mulleres representan 78,5% do total.

En termos de ocupación, na Galiza hai 548.400 mulleres ocupadas fronte a 590.500 homes, 42.100 mulleres menos. Así, de cada 100 ocupados, 48,2% son mulleres, "aínda representando 52,2% da poboación (maior de 16 anos)”. "Isto tradúcese nunha taxa de emprego masculina de 52,4% e de tan só 44,5% no caso das mulleres, o que supón unha brecha de 7,9 puntos", recalcan.

Segregación horizontal e vertical

"E aínda estando ocupadas, as mulleres galegas seguen sufrindo tanto a segregación horizontal como vertical", inciden. Respecto ao primeiro punto, sinalan que o gran foco de ocupación céntrase nos servizos, representando as mulleres 57% do total.

En canto ao segundo punto, destacan que só 29,6% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só 1,6% das mulleres ocupadas o están nestes postos. Ademais, as mulleres tan só representan 30,07% dos órganos de dirección das empresas do IBEX 35.

A formación tamén incide nos datos de ocupación "e segue sendo máis beneficiosa para os homes". Así, o estudo conclúe que a igual formación, os homes alcanzan sempre maiores taxas de ocupación. "Tamén se comproba que a maior nivel formativo, maior empregabilidade, polo que se deduce que a formación é a principal ferramenta para lograr a inclusión da muller no mercado laboral", destacan.

"Segue tendo rostro de muller tanto a parcialidade como a temporalidade", lamentou Campos, que sinalou que de todas as persoas asalariadas con contrato temporal, 58,9% aínda son mulleres.

En canto á parcialidade, 73% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres. Ademais, do total das mulleres ocupadas, 21,5% teñen contrato parcial fronte a 7,4% de homes. Tamén hai 116.700 mulleres con contrato a tempo parcial fronte a 43.100 homes, 73% fronte a 27%.

Outro punto estudado é a taxa de paro. Segundo apuntan, en 2023 houbo 64.400 mulleres en situación de desemprego fronte a 57.300 homes. A taxa de paro feminina é de 10,6% e a masculina de 8,9%.

Suspenso “absoluto” en corresponsabilidade

"Outro ano máis, a materia de corresponsabilidade nos fogares galegos resólvese cun suspenso. Seguen sendo as mulleres as que asumen, na maior parte dos casos, os coidados. Isto obrígaas, ou ben a renunciar a estar no mercado laboral ou a facelo en condicións máis limitadas para poder atender as dúas frontes", conclúen no estudo, tal e como explicou a secretaria de Igualdade de UXT.

Sobre isto, remarcan que das persoas que teñen contrato a tempo parcial por responsabilidades familiares, 29.600 son mulleres e 11.600 homes, e que 76,4% das reducións por garda legal (menores de 12 anos) son solicitadas por mulleres, así como 80,8% das excedencias.

"Somos nós as que preferimos reducir as nosas xornadas porque temos esa conciencia de que somos coidadoras. Muller é igual a coidados. Cando os permisos son retribuídos, os homes cóllenos case en igualdade de condicións que as mulleres, mais cando os permisos non son retribuídos, somos nós as que asumimos eses permisos. A corresponsabilidade falamos dela, mais aínda non está normalizada", sinalou Campos.

Precisamente, argumentan, a fenda salarial, de 18,96% na Galiza, responde a "moitos dos aspectos denunciados", aínda que matizan que medidas como a mellora do salario mínimo interprofesional (SMI) conseguiron reducila.

Pola súa parte, Mamen Sabio reivindicou a importancia da loita sindical na consecución da igualdade real entre homes e mulleres, que "implica conseguir que os espazos de traballo estean libres de discriminación e violencias contra as mulleres".

Comentarios