venres 18/06/21

Escotet desbota feches "masivos" de oficinas e reducións de persoal

Abanca pon en marcha un ambicioso plan ambiental
Un instante da presentación. (Foto: Abanca)
Un instante da presentación. (Foto: Abanca)

"Nós dentro dos nosos plans non temos feches masivos nin reducións porque cremos que contamos cunha rede eficiente que se transformou de forma progresiva". Con estas palabras, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, fechou a porta a novos plans de adelgazamento da estrutura da entidade. 

Fíxoo durante a presentación hoxe en Compostela dun ambicioso plan ambiental para Abanca, que se marca como obxectivo alcanzar a neutralidade en carbono da súa actividade e dispor dunha alternativa sostíbel para os seus produtos financeiros en 2024.

Na súa intervención, Escotet defendeu que Abanca levou a cabo unha modernización da rede con "oficinas máis amplas" e "máis persoal", pero "sen esquecer a vocación de estar o máis preto posíbel" da clientela.

Preguntado por se considera que o proceso de feche de oficinas resulta inevitábel no sector, o presidente de Abanca considerou que non necesariamente debe representar "unha consecuencia sectorial". De feito, resaltou que esta situación se vincula con "concentracións enormes de mercado nalgúns territorios dos bancos que se integran" e que, recalcou, é diferente á da entidade que preside.

Pola súa banda, o conselleiro delegado, Francisco Botas, puxo en valor o plan presentado.  

Nesta liña, informou de que, co obxectivo de reducir a súa pegada ecolóxica, xa comezaron a estabelecer obxectivos anuais de redución das súas emisións e desenvolveron un Plan global de eficiencia enerxética, ademais de elaborar un plan de compensación de emisións que inclúe a plantación de 1.500 árbores.

Botas tamén indicou que se traballa na adaptación tecnolóxica de procesos de acordo con criterios de sustentabilidade que marca a normativa e nunha emisión de bonos verdes que se realizará este ano.

comentarios