'A universidade privada é un regalo do PP a Abanca', di o BNG

A líder da oposición no Parlamento, Ana Pontón, reuníuse hoxe cos reitores das universidades públicas galegas para falar do proxecto de Abanca impulsado polo PP para que vexa a luz a primeira universidade privada na Galiza.
Reunión de Ana Pontón no Parlamento cos reitores das universidades galegas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Reunión de Ana Pontón no Parlamento cos reitores das universidades galegas. (Foto: Nós Diario)

"Unha universidade privada para que siga facendo negocio", así cualificou onte Ana Pontón, líder da oposición no Parlamento, o proxecto de Abanca impulsado polo Partido Popular, despois de “permitir o pelotazo coas caixas galegas”.

Pontón acusou Alberto Núñez Feixoo, presidente da Galiza, de romper “coa educación igual para todos” para crear unha “universidade para ricos”, polo que salientou a “total negativa” do BNG ao proxecto, do mesmo xeito que os reitores das universidades galegas, cos que se reuniu hoxe no Parlamento.

"Cantas familias galegas poden pagar entre 30.000 e 40.000 euros para mandar os seus fillos á universidade?", preguntou a líder nacionalista, que explicou que as taxas para acceder á Universidade Intercontinental da Empresa (a primeira privada da Galiza) estarían entre os 7.500 e os 11.000 euros.

Para Pontón esta é a mellor mostra de “lexislar para unha minoría” cando a pandemia demostra que “hai outros problemas que atender”.

Julio Abalde (Universidade da Coruña), Antonio López (Universidade de Santiago de Compostela) e Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) destacaron que comparten unha posición común na defensa da “capacidade do sistema público para dar solución ás demandas dos estudantes e do tecido empresarial”.

Os reitores expresaron a súa preocupación polo devalo do ensino universitario se se dá este nome a un servizo que non é equiparábel. 

Tamén pediron que se "cumpra estritamente a lei" e que este centro non inclúa titulacións que xa se estean a impartir nas universidades públicas galegas.

Comentarios