Desconvocada a folga en Renfe e Adif

Os sindicatos chegan a un acordo co Ministerio.
Tren estacionado en Santiago con destino Vigo. (Foto: Arxina)
photo_camera Tren estacionado en Santiago con destino Vigo. (Foto: Arxina)

Os sindicatos presentes en Renfe e Adif veñen de desconvocar a primeira xornada de folga prevista para as vindeiras semanas en días intermitentes, anunciada para esta mesma sexta feira, día 24, co gallo do futuro traspaso do servizo de Rodalies a Catalunya. As forzas sindicais chegaron a un acordo hoxe, a poucas horas de se iniciar o paro, co Ministerio de Transportes para suspender, polo de agora, as protestas.

Os sindicatos, avanzou a axencia EFE, prevén desconvocar tamén os outros catro días de folga previstos. Así o decidiron UXT, CCOO, CXT, SF e SCF tras chegar a un acordo co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel, no que acaba de estrearse como titular Óscar Puente. O Ministerio encabezado polo ex alcalde de Valladolid empregouse a fondo nas negociacións cos sindicatos co obxectivo de evitar unha folga que afectaría miles de viaxeiros e viaxeiras e que obrigaría a cancelar 1.548 trens en todo o Estado español.

Pola súa parte, os sindicatos defenden conseguir todas as súas reivindicacións, principalmente "a garantía de integridade" das empresas públicas Renfe e Adif, o mantemento dos persoais e que se seguirá facendo a operación tanto en Renfe Mercadorías como en Rodalies.

Ás 19.25 horas faltaba por estampar a sinatura no acordo, á espera de que o Ministerio presente a documentación aos sindicatos. Posteriormente, rexistrarán a desconvocatoria de folga. A convocatoria xurdiu por mor do acordo pactado entre PSOE e ERC para o traspaso integral á Generalitat de Cataluña dos trens de Rodalies (Proximidades), polo medo á posíbel "fragmentación" destas dúas empresas, o que repercutiría nos dereitos dos traballadores.

O propio presidente da Generalitat, Pere Aragonès, afirmou que "non hai razóns para a folga preventiva", ao asegurar que os dereitos dos traballadores "veranse plenamente garantidos" co traspaso de competencias.

Comentarios