Convocan paros de 24 horas no Consorcio pola súa "inacción"
As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar convocan unha nova folga o vindeiro 30 de marzo que se prolongará todos as terzas feiras de maneira alterna e terá unha duración de 24 horas.
O conflito creado pola convocatoria dunha Oferta Pública de Emprego (OPE) no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar endurécese.
A sección sindical da Confederación Nacional do Traballo (CNT) nese organismo público decide rexistrar novamente unha convocatoria de folga ante o que consideran “pasividade e inacción da Xunta e da Xerencia do ente”.
Nun comunicado sinalan que “o éxito de seguimento nas convocatorias de folga realizadas o pasado febreiro” e a falta de negociación levounos a convocar “desde o vindeiro 30 de marzo e en terzas feiras alternas, paros de 24 horas nos centros de traballo”.
A feminización do sector provoca, ademais, que a maior parte do persoal afectado sexan mulleres con cargas familiares, que se verían na rúa dun día para outro. Desde este sindicato consideran “inadmisíbel o ERE de persoas traballadoras que se está a preparar dentro do Consorcio”.
Apoio das familias e da poboación
Ao paro están convocadas as traballadores e os traballadores pertencentes ás Escolas Infantís da Galiña Azul, os Fogares Residenciais, Centros de día, Centros de acollemento ou aos Servizos de inclusión e contra a violencia de xénero.
Segundo a CNT, “contan co apoio de usuarias e usuarios, das súas familias e dos habitantes da contorna onde se atopan, que poden comprobar o labor imprescindíbel que realizan día a día”.
As próximas protestas previstas do persoal do Consorcio serán mañá, 19 de marzo e o propio día da folga, cando decorrerá unha concentración ás portas da sede da Xunta en San Caetano, Compostela.
O Gabinete xurídico do sindicato anunciou a impugnación da OPE 2020 onde se ofertan as prazas do persoal do Consorcio que afectan unha porcentaxe tan elevada de mulleres.