Convocan folga no Consorcio de Benestar Social para o día 18 de febreiro

A CNT denuncia "fraude" no seu persoal temporal e pide paralizar a Oferta Pública de Emprego 
Concentración diante da sede do Consorcio Galego (Arxina)
photo_camera Concentración diante da sede do Consorcio Galego (Arxina)

O persoal temporal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar afiliado á CNT decidiu en asemblea por ampla maioría convocar unha folga de 24 horas o día 18 de febreiro para defender os seus postos de traballo tras a comunicación por parte da Xunta dunha oferta de emprego público (OPE) o pasado decembro.

O anuncio realizouse durante unha concentración de protesta diante dos servizos centrais deste organismo en Compostela na que o persoal berrou  consignas como "As que estamos nos quedamos", "Fixeza xa", "Feixoo escoita, o Consorcio en loita" ou "Non ao ERE ás mulleres", referíndose neste último caso, á evidente discriminación por razón de sexo que se produciría de executarse o plan da Xunta

"Coa OPE unhas 1.200 persoas quedarán na rúa e 95% delas son mulleres cunha media de idade de entre os 40 e os 50 anos", relata Pablo Fernández, delegado da CNT, a Nós Diario. Este traballador entrou hai 13 anos por oposición cun contrato temporal como psicólogo de centro de día.

"A lei permite 3 anos como moito e ao final as prazas son estruturais polo que estamos en fraude de lei", sentenza. En decembro, sobre este tema, o xulgado do social de Ourense  ditaminou unha sentenza de fixeza para unha traballadora temporal que superara en 2007 un proceso de selección. 

Desde as Galiñas Azuis até os centros de día

O persoal convocado á folga pertence ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais. A folga convocada terá carácter

indefinido no tempo, iniciándose o día 18 de febreiro de 2021. Este día 18 de febreiro de 2021 terá unha duración de 24 horas, comezando ás 00 horas e rematando ás 24 horas. Despois deste día 18 de febreiro de 2021, consistirá en paros de tres horas todos os xoves, comezando ás 8 horas e rematando ás 11 horas cada quinta feira. A convocatoria xurdiu, segundo este sindicato, tras seren solicitadas en varias ocasións reunións cos responsábeis da Xunta "sen que a día de hoxe se tivese resposta algunha por parte da Administración".

A CNT apoiou tamén a participación na caravana de coches do  domingo 31 de xaneiro ás 11h con saída do Pazo de Congresos de Compostela e que rematará na sede central da RTVG.

Comentarios