Convocan paros de 24 horas no Consorcio pola súa "inacción"

As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar convocan unha nova folga o vindeiro 30 de marzo que se prolongará todos as terzas feiras de maneira alterna e terá unha duración de 24 horas.

Protesta diante do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CNT
photo_camera Protesta diante do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (Foto: CNT)

O conflito creado pola convocatoria dunha Oferta Pública de  Emprego (OPE) no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar endurécese.

A sección sindical da Confederación Nacional do Traballo (CNT) nese organismo público decide rexistrar novamente unha convocatoria de folga ante o que consideran “pasividade e inacción da Xunta e da Xerencia do ente”.

Nun comunicado sinalan que “o éxito de seguimento nas convocatorias de folga realizadas o pasado febreiro” e a falta de negociación levounos a convocar “desde o vindeiro 30 de marzo e en terzas feiras alternas, paros de 24 horas nos centros de traballo”. 

A feminización  do  sector  provoca,  ademais, que a maior parte do persoal afectado sexan mulleres con cargas familiares, que se verían na rúa dun día para outro. Desde este sindicato consideran “inadmisíbel o ERE de persoas traballadoras que se está a preparar dentro do Consorcio”. 

Apoio das familias e da poboación

Ao paro están convocadas as traballadores e os traballadores   pertencentes  ás  Escolas  Infantís  da  Galiña  Azul, os Fogares Residenciais, Centros de día, Centros de acollemento ou aos Servizos de inclusión e contra a violencia de xénero.

Segundo a CNT, “contan co apoio de usuarias e usuarios, das súas familias e dos habitantes da contorna onde se atopan, que poden comprobar o labor imprescindíbel que realizan día a día”. 

As próximas protestas previstas do persoal do Consorcio serán mañá, 19 de marzo e o propio día da folga, cando decorrerá unha concentración ás portas da sede da Xunta en San Caetano, Compostela.

O Gabinete xurídico do sindicato anunciou a impugnación da OPE 2020 onde se ofertan as prazas do persoal do Consorcio que afectan unha porcentaxe tan elevada de mulleres. 

Comentarios