Consulta a oferta e as persoas rexistradas en cada especialidade nas oposicións do ensino

As probas para as 1.743 prazas convocadas (123 reservadas para as persoas con discapacidade) desenvolveranse a partir do 22 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán nas próximas semanas.
Oposicións decorridas en Silleda (Foto: Europa Press).
photo_camera Oposicións decorridas en Silleda (Foto: Europa Press).

Un total de 21.046 persoas concorrerán ás oposicións convocadas pola Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades neste 2024, segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo.

As probas para as 1.743 prazas convocadas (123 reservadas para as persoas con discapacidade) desenvolveranse a partir do 22 de xuño en diferentes localidades, que se concretarán nas próximas semanas.

O obxectivo deste proceso é consolidar a estabilidade do ámbito docente. Das 1.743 prazas, un total de 1.512, o 86%, son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da Formación Profesional (FP) e 33 de escolas oficiais de idiomas.

A maiores, as oposicións permiten ao profesorado avanzar na súa carreira docente. Deste modo, as 231 prazas restantes son para que docentes poidan acceder ao corpo de profesores e profesoras de ensino secundario (220) ou ao de inspectores e inspectoras de educación (11).

En concreto, no corpo de mestres están convocadas 520 prazas de oito especialidades e hai 8.887 persoas rexistradas. As especialidades con maior número de prazas son pedagoxía terapéutica, con 110 prazas, e Educación Primaria, con 105, mentres que o maior número de rexistradas é o de Educación Infantil (2.385).

Para o corpo do profesorado de ensino secundario, pola súa parte, convócanse 875 prazas de 34 especialidades, e hai 11.122 rexistradas. As especialidades máis demandadas son Xeografía e Historia (922), Inglés (915) e Lingua Castelá (680) e as que ofertan máis prazas Lingua Galega e Inglés, con 80 cada unha.

No corpo de profesores e profesoras especialistas en sectores singulares de FP convócanse 84 prazas en cinco especialidades, con 534 rexistradas; mentres que nos das Escolas Oficiais de Idiomas hai 33 prazas en catro especialidades, con 306 rexistradas.

O acceso ao corpo de Inspectores de Educación oferta 11 prazas para 95 rexistradas e o acceso do Subgrupo A2 ao Subgrupo A1 ao corpo de profesores de ensino secundario inclúe 220 prazas en 34 especialidades, con 102 rexistradas.

Alta demanda

Por especialidades, Bioloxía e Xeoloxía é a máis demandada, con 59,2 aspirantes por praza, seguida de Xeografía e Historia, con 32,6 inscritas por praza ofertada. No lado oposto da balanza, as especialidades máis "asequíbeis" son Mecanizado e mantemento de máquinas, no corpo de profesorado especialista en sectores singulares da FP, con 2,4 de ratio, e no corpo de Secundaria, Sistemas e aplicacións informáticas, cunha ratio de 2,5 persoas inscritas por cada praza ofertada. 

Comentarios