O conselleiro de Emprego visita Sargadelos e reúnese co dono da empresa o día en que este estaba citado pola Inspección

Segundo o propio Segismundo García, Inspección citou este día 13 de maio en Lugo a "unha representación" da empresa para que achegase "diversa e variada documentación". Diso informou aos medios de comunicación, aos que remitiu o escrito co que contestou o requirimento da autoridade laboral avanzando que non acudiría.
Segismundo García, propietario de Sargadelos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Segismundo García, propietario de Sargadelos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O conselleiro de Emprego, José González, acudiu esta terza feira á fábrica de Sargadelos en Cervo (A Mariña) nunha "visita interna" na que estivo acompañado polo dono da empresa, Segismundo García, quen estaba citado na mesma xornada por Inspección de Traballo para que achegase documentación en relación ao expediente laboral aberto á planta, segundo confirmaron fontes do departamento da Xunta da Galiza.

As mesmas fontes explicaron que se tratou dunha "visita interna" no marco do proceso de seguimento activado polo Goberno galego sobre a factoría, envolvida na polémica polas decisións que adoptou o seu propietario hai xa máis dun mes.

Segundo o propio Segismundo García, Inspección citou este día 13 de maio en Lugo a "unha representación" da empresa para que achegase "diversa e variada documentación". Diso informou aos medios de comunicación, aos que remitiu o escrito co que contestou o requirimento da autoridade laboral avanzando que non acudiría.

Nese escrito, o administrador único da emblemática firma de cerámica escusaba a súa asistencia esta terza feira ao alegar que "precisamente o 13 de maio a dirección desta empresa mantén un consello de dirección para propor as medidas oportunas en relación ao acoso" ao que considera que se ve sometido por parte da Inspección. Non transcendeu ningunha información respecto do "devandito consello de dirección".

Dúas traballadoras con silicose

Inspección de Traballo mantén aberto un expediente laboral a Sargadelos por deficiencias en materia de seguridade na fábrica de Cervo, as cales implicaron que dúas traballadoras desenvolveran silicose.

Desta maneira, Sargadelos ten un prazo de seis meses a contar desde a notificación para emendar boa parte das melloras, aínda que Inspección será flexíbel (adaptando o prazo desde que dispoña do visto e prace por parte de Patrimonio) para actuacións que afecten o edificio, catalogado como ben de interese cultural (BIC).

O pulso á inspección

No último escrito dirixido á Inspección de Traballo, Segismundo García referíase o requirimento de comparecencia e achega de documentación en Lugo. Sinalaba tamén que esa documentación está "clasificada e ordenada nas oficinas" de Sargadelos e afirmaba entender "o fastidio de que alguén" da Inspección "teña que desprazarse a Cervo". "Mais non é máis incomodidade que a nosa en ir cos cartafoles e arquivadores a Lugo", engadía.

O dono da empresa aproveitaba tamén o texto para solicitar a substitución do inspector que fixo ese requirimento, como o da inspectora que abriu o expediente, alegando unha suposta "animadversión insistente e perseverante" destas persoas contra Sargadelos.

O pasado mes, despois do polémico anuncio de fechamento e a volta á actividade, a compañía comunicou o despedimento de tres traballadoras, que tiñan desde entón un prazo de 20 días para denunciar unhas saídas que sindicatos como a CIG consideraban "nulas" polo contexto no que se produciron.

Ese contexto foi o do pulso que García mantén coa Inspección e que lle levou a fechar a factoría durante varios días en que o persoal de produción tivo que permanecer ás portas de Sargadelos, sen poder acceder ao seu interior. Despois, o propietario propuxo adiantar parte das súas vacacións ou entrar ás instalacións "baixo a súa responsabilidade".

Posteriormente, o conselleiro, no pleno do Parlamento galego, pediu ao propietario de Sargadelos "reconsiderar" os tres despedimentos que realizou na fábrica de Cervo. Tamén comprometeu a "máxima flexibilidade" para facer obras correspondentes "sempre que o permita a normativa correspondente", tendo en conta que se trata dun edificio protexido, así como "respectando dereitos laborais".

Comentarios