xoves 21/10/21

A Consellaría de Traballo, xulgada por malversación de fondos públicos na residencia Valle-Inclán

O xulgado de instrución nº3 de Compostela admitiu a trámite a querela presentada pola CIG. A Fiscalía pide a inhabilitación dos xerentes da residencia.

valle-inclán
valle-inclán

O caso da residencia de maiores Valle-Inclán (Vilanova de Arousa) remóntase a xaneiro de 2013. A partir dun conflito laboral xurdido polo despedimento improcedente de 39 das súas traballadoras, foi destapado un presunto delito de desviación de fondos públicos que contaría coa connivencia da Xunta. Por esta razón, a Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou unha querela que será levada a trámite polo Xulgado de Instrución nº3 de Compostela. 

A demanda da CIG apunta a un suposto delito de malversación de fondos por parte da Consellaría de Traballo. E é que após o concurso de acredores solicitado pola empresa concesionaria da residencia (Viajes Silgar), os seus xerentes constituíron unha outra, Nurtime S.L, que desenvolveu os labores de xestión durante o proceso de liquidación da verdadeira concesionaria mais que non contaba coa autorización da administración para tal fin. En boa medida por se tratar dunha empresa de xardinaría, segundo foi rexistrada. 

A Consellaría de Traballo transferiu máis de 4 millóns de euros a Nurtime S.L embora non contar con autorización para xestionar a residencia Valle-Inclán

Nurtime S.L. percibiu máis de 4 millóns de euros da Xunta de Galiza durante ese período por desenvolver a xestión dun centro de maiores concertado mais do que non terían concesión. 

10 anos de inhabilitación para os xerentes

A querela da CIG vai dirixida, para alén dos xerentes de Nurtime S.L e Viajes Silgar -- Francisco Rodríguez Janeiro e Enrique Martínez Núñez -- contra a propia Consellaría de Traballo que deberá responder xudicialmente por un suposto delito de malversación de fondos. Á petición de culpabilidade da central sindican nacionalista e CC.OO tamén se personou a Fiscalía que pide a inhabilitación durante 10 anos de Rodríguez e Martínez, ao tempo que a asunción co seu patrimonio persoal das débedas contraídas durante o concurso de acredores por Viajes Silgar. 

Neste senso, deberán pagar perto de 2 millóns de euros ás traballadoras por impagamentos e asumir tamén as débedas contraídas con entidades financeiras, Facenda e a Seguridade Social. Segundo a CIG a cifra total podería ascender a máis de 8 millóns de euros. 

comentarios