"Botáronnos por estarmos sindicadas e reclamar os nosos dereitos"

Fernanda Lois é presidenta do comité de empresa da Residencia Valle-Inclán, na que traballou por volta de dúas décadas. Foi despedida xunto con outras 38 compañeiras por "defender os nosos dereitos". 

feranda
photo_camera Fernanda Lois [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

Embora contar con 15 sentenzas de nulidade que exixen a súa readmisión nas mesmas condicións de traballo, a xerencia da residencia de idos@s continúa a se negar executar a súa re-incorporación. "O simple feito de estarmos sindicadas era unha sentenza de morte para el", conta Fernanda a respeito do xerente da empresa adxudicataria dun concerto da Xunta de Galiza. Aliás, denuncia, foron atinxidas por unha campaña de acoso laboral que tamén foi denunciada perante a xustiza. 

Sodes 39 traballadoras despedidas. Contades con 15 sentenzas de nulidade que exixen a vosa readmisión mais seguides na rúa. Que é o que está a acontecer na residencia Valle-Inclán?
Comezaron a nos sacar das nóminas uns pluses que tiñamos e a adebedarnos pagas extras. A raíz de comezar a reclamar eses dereitos e estarmos sindicadas, comezou a botarnos. Primeiro cambiounos de turno, á xornada partida, estivemos algúns meses sen cobrar, despois, como continuabamos a defender os nosos dereitos, comezou a nos despedir. 

Denunciástedes acoso, persecución laboral e sindical. Credes que houbo un delito contra os dereitos das traballadoras? 
Si, moito delito. O simple feito de saber que estabamos sindicadas ou que tiñamos algo a ver con un sindicato --daba igual que foses da CIG, de CCOO ou de UGT-- iso era unha sentenza de morte para el [refírese a Enrique Martínez Núñez, xerente da residencia Valle-Inclán]. El non quería alí ningún sindicato. 

Recorréstedes á xustiza...
Antes de reclamar nada primeiro falamos con el para vermos de arranxar dalgunha outra maneira. Mais houbo que recorrer á xustiza. Acaban os xuízos en abril e até o momento gañámolos todos cunha nulidade. 

Aínda así néganse a cumprir as sentenzas, non?
Si. As sentenzas din que nos tiña que readmitir nun prazo de 15 días. Non nos readmiteu e nós recorremos. A min tíñaseme que readmitir hai 2 meses e non o fixo. Hai case un mes que tiñamos que recuperar os nosos postos de traballo en 3 días, mais nada. 

Despediron unha das traballadoras por solicitar unha xornada reducida que lle permitise conciliar a súa vida familiar

Tamén hai traballadoras que levan meses sen cobraren por defenderen os seus dereitos, non si?
Son 3 ou 4 que comezaron a reclamar e recibiron ameazas de que as ían despedir se seguían. Deron para atrás en todo e agora continúan traballando mais aínda están sen cobrar o mes de xaneiro. El o que non quere é ningún sindicato na empresa. A residencia é del e manda el. Unha traballadora ten mesmo demandas por acoso, chamoulle cousas fortísimas, insultos horríbeis. 

Houbo casos onde se lle negou a conciliación á traballadora, non si?
Si. Foi a tres traballadoras. Unha delas botouna polo simple feito de pedir a xornada reducida. Na residencia non se pode pedir nada, semella que chegou Franco á empresa.  

Que papel xoga en todo isto a Xunta? 
Xoga un papel moi importante porque, imos ver, a Xunta di que non ten nada a ver porque é un conflito laboral. Mais tamén ten que facerse cargo dos traballadores, de feito, Beatriz Mato [cuxa Consellaría de Traballo e Benestar adxudicou o concerto coa empresa que xestiona a residencia] é tamén conselleira de Traballo. Aí estanse pasando cartos dunha empresa para outra. 

A Consellaría de Beatriz Mato lávase as mans e rexeita reunirse coas traballadoras que, di, non teñen "nada a ver" coa Xunta

Cónstavos que se están a transferir cartos da Xunta ilegalmente?
Si, si. Agora mesmo os idosos privados --que pagan unha parte dos custos da residencia-- teñen que pagarlla a Nurtime. Mais a parte que paga a Xunta estalla a pagar a Nurtime, tamén, que é a empresa que xestiona a residencia. Mais non pode nen sequera facelo porque non conta con autorización e é unha empresa de xardinería. Hai un desvío [de fondos] moi grande. 

A Xunta reuniuse con vós?
Reuníronse moito antes de que nos despedisen, mais foi a secretaria, da secretaria, da secretaria. Despois, cando comezou o conflito e comezaron os despedimentos, foi cando solicitamos reunirnos con Beatriz Mato. Mais nada, fomos alí dúas ou tres veces, para que se nos atenda, mais nada. A min chamáronme directamente para me dicer que non se ían reunir con nós porque non tiñamos nada a ver coa Xunta de Galiza, que non era cousa deles. 

Hai algunha relación entre o xerente da Residencia Valle-Inclán [Enrique Martínez Núñez] e o partido que goberna a Xunta, o PP?
Si. Foi nas listas do PP á alcaldía de Cambados. Aliás, abertamente di que é do seu partido. Alardea moito diso. 

Comentarios