Despedimentos nulos e pretenso desvío de fondos nunha residencia de maiores da Xunta

O despedimento de 39 traballadoras da residencia de idos@s Valle-Inclán (Vilanova de Arousa) revela, segundo a CIG-Salnés, un pretenso delito de desviación de fondos públicos na concesión da xestión, que podería contar coa connivencia da Xunta segundo fontes sindicais.

valle-inclán
photo_camera [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

O que está a acontecer coa residencia de idos@s Valle-Inclán en Vilanova de Arousa semella un quebracabezas. Desde xaneiro de 2013, en que a empresa concesionaria da xestión do servizo se declarou en concurso de acredores e iniciou un plan de liquidación, o goteo de informacións non cesa.

E é que para alén do despedimento de 39 das súas traballadoras --vencelladas na súa maior parte á CIG-, e tamén do impagamento das indemnizacións e o incumprimento de até 15 sentenzas xudiciais que obrigan á súa readmisión, a residencia podería ser escenario dun delito de desviación de fondos públicos que contaría coa connivencia da Xunta, de acordo con fontes sindicais consultadas por Sermos Galiza.

Viajes Silgar é a concesionaria da residencia Valle-Inclán. Actualmente está "en concurso de acredores e en fase de liquidación", conta o secretario comarcal da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas Aboi, 'Tupi'. A empresa carrexa importantes débedas, moitas delas en relación coas traballadoras despedidas --un total de 39-- desde que comezou o proceso de desmantelamento de Viajes Silgar.

39 traballadoras despedidas que deben ser readmitidas

Neste senso, após a chegada do administrador concursal, as empregadas sofreron importantes reducións nas condicións laborais: baixada da categoría de traballo, retirada de pluses... Perante as denuncias presentadas polo comité de empresa, a dirección da residencia iniciou unha campaña de despedimentos --inicialmente individuais (até 10)-- coa que foi dando portazo á práctica totalidade do comité e delegadas sindicais. "Tamén aos que tiñan relación con alguén do sindicato", acrecenta Xoán Xosé Bouzas. 

A dirección da residencia iniciou unha campaña de despedimentos coa que foi dando portazo á práctica totalidade do comité e delegadas sindicais

Estes despedimentos foron denunciados, até en 20 ocasións, perante a xustiza, demandas que resultaron en 15 sentenzas de nulidade que exixen "a readmisión das traballadoras" e a condena á empresa concesionaria que terá que "pagar os salarios adebedados e reincorporalas nas mesmas condicións" de traballo. As sentenzas comezaron a se ditar en novembro de 2013 e, porén, até o momento "ningunha traballadora foi readmitida". 

"A xustiza neste país funciona así", sinalan desde a CIG-Salnés. "Danlle ao administrador 3 días para a readmisión, pasan os días e nen sequera recolle as comunicacións". "O xulgado", denuncian, "tamén pasa", o que leva a que a execución das sentenzas se demore até 3 meses. 

Un entramado empresarial que percibe máis de 4 millóns de euros públicos

Mais isto non fica aí. Do conflito laboral, desprendeuse o coñecemento dun pretenso delito de desviación de fondos públicos, pois Viajes Silgar é empresa concesionaria da xestión da residencia por un valor de 4 millóns 850 mil euros aportados pola Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza. Mais, "no medio de todo isto", explica Xoán Xosé Bouzas Aboi en relación ao despedimento das traballadoras, "Viajes Silgar creou Nurtime S.L", unha outra empresa que está a desenvolver a xestión da residencia durante o proceso de liquidación da verdadeira concesionaria. En boa medida, esta nova sociedade foi a responsábel dos despidos após asinar "dous contratos privados" con Viajes Silgar, un deles "a concesión da residencia de maiores" pola que se converteu en adxudicataria dos fondos públicos da Xunta. 

Viajes Silgar é empresa concesionaria da xestión da residencia por un valor de 4 millóns 850 euros aportados pola Consellaría de Traballo e Benestar da Xunta de Galiza

"Isto é ilegal", denuncian desde a CIG-Salnés, "primeiro porque temos un escrito da Xunta onde nos di que quen está explotando esa residencia é Viajes Silgar e no que explica que non ten coñecemento de tal transferencia a Nurtime S.L" e, doutra banda, "porque Nurtime non ten autorización da Xunta para xestionar unha residencia de maiores, pois é unha empresa de xardinaría". 

Aliás, coa chegada de Nurtime, unha parte dos fondos enviados pola Xunta para o pagamento das débedas contraídas por Viajes Silgar --entre elas as indemnizacións a pagar ás traballadoras despedidas-- foron traspasadas a esta segunda empresa. O que, desde a CIG denuncian, "podería constituír un delito de desvío de cartos públicos" que estarían a ser ingresados de maneira fraudulenta por Nurtime S.L.

Un plan de liquidación para se desfaceren das débedas?

Para a central sindical nacionalista, a "cumplicidade" da Xunta de Galiza co que está a acontecer na residencia Valle-Inclán converte este caso non só nun conflito laboral, "senón tamén social". Así é, que tentaron entrevistarse en varias ocasións coa Consellaría de Traballo e Benestar, responsábel da concesión mais desta só obtiveron respostas negativas ao asegurar que "é unha cuestión laboral" allea á Xunta. Porén, existe unha relación que pecha o círculo. Os administradores de Viajes Silgar, Nurtime S.L e unha terceira empresa, Residencia de maiores 2013, son os mesmos e contan tamén co mesmo domicilio social. 

Os administradores de Viajes Silgar, Nurtime S.L e unha terceira empresa, Residencia de maiores 2013, son os mesmos e contan tamén co mesmo domicilio social

Desde o sindicato nacionalista denuncian que o concurso de acredores e o plan de liquidación --paralizado polo Xulgado do Mercantil que o está a clasificar-- podería tratarse dunha estratexia para se desfaceren das débedas carrexadas e manter a concesión. E é que, logo de se fechar a liquidación de Viajes Silgar --que podería ser en marzo-- a nova concesionaria (Residencia de maiores 2013) faríase co concerto sen facer fronte aos impagos da anterior, neste caso, dos mesmos propietarios. "Un escándalo", denuncian. 

Para a CIG, o que está a acontecer é en parte culpa dun goberno galego que, para alén de non facer nada, non asume as súas responsabilidades. É por iso que a central nacionalista "intensificará" a súa loita en aras de dar cumprimento ás sentenzas que exixen a readmisión das traballadoras mais tamén para visibilizaren "a connivencia" do goberno de Alberto Núñez Feijóo que mesmo, din, podería incorrer nun delito penal. Así, prevén presentar "esta semana, demandas pola vía do penal tamén contra a Xunta". 

Comentarios