O Congreso veta a proposta de lei para recuperar dereitos laborais

Néstor Rego, durante a defensa da proposición de lei conxunta. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
UP abstense ante a iniciativa do BNG, Bildu e ERC.

O pleno do Congreso do Estado español rexeitou onte a proposición de lei conxunta de BNG, ERC e EH Bildu para recuperar e ampliar dereitos laborais. Votaron en contra PSOE, PP, Vox e Ciudadanos, e Unidas Podemos (UP) abstívose.

O deputado do BNG, Néstor Rego, lamentou que PSOE e UP "desaproveitasen esta ocasión" para derrogar de maneira íntegra a reforma laboral do PP de 2012, "rematando co legado tóxico dos gobernos conservadores". Criticou, ademais, que "incumpriran novamente" outra "promesa electoral". 

A proposición de lei, presentada e defendida conxuntamente, procuraba a introdución de aspectos ausentes na lexislación vixente desde decembro de 2021. Entre eles, "cuestións básicas e prioritarias" relativas á protección fronte aos despedimentos e a loita contra a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade no ámbito do traballo.

A iniciativa pretendía, sinalou Rego, recuperar dereitos perdidos nas sucesivas reformas laborais, como a recuperación da indemnización de 45 días por ano e dos salarios de tramitación, a reinstauración da autorización administrativa en caso de despedimento colectivo ou a equiparación de dereitos no ámbito da subcontratación.

Promesas electorais 

"A propia ministra de Traballo, Yolanda Díaz, aseguraba neste hemiciclo hai tres semanas que era moi fácil e barato despedir e que isto era inxusto", afirmou o nacionalista. "Deberá explicar por que, no momento en que tivo oportunidade de derrogar a reforma laboral do PP, non o fixo", engadiu o deputado do BNG. 

De feito, após a votación da toma en consideración desta proposición de lei, Néstor Rego lamentou a "oportunidade perdida" de PSOE e UP para cumprir as súas promesas electorais e os compromisos adquiridos ao longo da lexislatura para "derrogar de maneira íntegra esta reforma". "Están máis preocupados de mercarlle o discurso á dereita", aseverou.