O Congreso vota a reforma laboral de BNG, EH Bildu e ERC

A Lei mordaza a debate na Comisión de Interior
A Cámara baixa do Estado español, en Madrid. (Foto: Congreso)
photo_camera Pleno da Cámara baixa. (Foto: Congreso)

Mañá debateranse e votaranse no Congreso dos Deputados dúas proposicións de lei, unha pola recuperación e ampliación dos dereitos laborais e outra sobre as medidas de reforma da Avaliación para o Acceso á Universidade para garantir a igualdade de oportunidades. Tamén se verán as emendas á totalidade presentadas aos proxectos de lei do Cinema e da Cultura Audiovisual. 

A primeira das proposicións, a da recuperación e ampliación de dereitos laborais, está impulsada polo BNG, EH Bildu e ERC.  "A proposición de lei ten como obxectivo derrogar todos os recortes de dereitos da reforma laboral do Partido Popular de 2012 que non foron modificados no Real Decreto lei aprobado polo Goberno do PSOE e Unidas Podemos en 2021", afirmou este sábado o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego

As formacións nacionalistas consideran "necesaria e urxente" a introdución de aspectos ausentes na lexislación vixente. Neste sentido, destacaron principalmente as cuestións relativas á protección fronte aos despedimentos e ao combate contra a precariedade no ámbito do traballo.

Como así o recolleu Nós Diario, a reforma integral do Estatuto dos Traballadores busca, entre outras cuestións, recuperar os 45 días de indemnización por despedimento improcedente.

A finalidade principal da iniciativa é, segundo aseguraron, "transformar o mercado de traballo e, con el, as condicións de vida das persoas traballadoras". Para conseguir este obxectivo, afirmaron que "mentres os nosos países non alcancen a plena soberanía, traballaremos para construír un novo marco xurídico no Estado español que sexa realmente garantista cos dereitos laborais de todos os traballadores e traballadoras". Por todo isto, BNG, Bildu e ERC fixeron un chamamento ás demais formacións de esquerda para conseguir sacar adiante esta proposición lexislativa.

A reforma da Lei mordaza a votación no Congreso

O Congreso de deputados tamén votará mañá na Comisión de Interior se a reforma da Lei mordaza vai adiante. Polo de agora, non houbo un acordo entre o Goberno español e Esquerra Republicana e EH Bildu, principalmente a causa de catro cuestións que obstaculizan as negociacións, entre as que se encontran as multas por desobediencia, o uso de pelotas de goma, as faltas de respecto á autoridade ou as devolucións en quente.

No caso de que non haxa un acordo con respecto a estes puntos, ERC non apoiará a reforma. "Se non hai cambios, votaremos en contra", dixeron onte os republicanos.

Comentarios