O conflito do lixo en Lugo enquístase

Á espera de decorreren as 48 horas até se efectivizar a suspensión da concesión a Urbaser, o conflito do lixo en Lugo torna de cor. Dámosche as chaves.

CIG-Lugo
photo_camera CIG-Lugo

Un mes de paro. 22 persoas despedidas, entre elas todo o comité de folga. Máis de 60 sancionadas sen emprego e soldo. Contratación de persoal foráneo para recoller os residuos. Un expediente de caducidade da concesión aberto. E agora un outro de suspensión temporal que podería deixar sen efecto o contrato con Urbaser en 48 horas até se resolver a folga.

O conflito da recollida do lixo en Lugo muda de cariz e abre novas incógnitas ao tempo que deixa cada vez máis lonxe a idea dunha solución negociada. Para alén do máis, esta terza feira comeza o xuízo contra a empresa concesionaria após a demanda presentada polas centrais sindicais coa que denunciaron a vulneración reiterada do dereito a folga por parte de Urbaser. 

Perante este novo escenario o cadro de persoal reunirase en asemblea ás 21.00 horas para valorar a situación ao abeiro da decisión anunciada esta sexta feira polo Concello de Lugo. 

O convenio colectivo e o prego de condicións da concesión fixan a subrogación do persoal de se suspender o contrato mais o concello di que podería non ser legal

Que acontece co persoal de se suspender o contrato?

As dúbidas cérnense agora arredor da posición na que quedan @s operari@s de se efectivizar a suspensión temporal do contrato con Urbaser. Segundo o convenio colectivo en vigor e o prego de condicións publicado polo concello no concurso da concesión existe unha cláusula de subrogación pola que o cadro de persoal pasaría a facer parte da nova empresa. 

Porén, desde o goberno local din non estaren cert@s de que isto "sexa legal" e advirten que Tragsa --quen se responsabilizará da recollida do lixo nos puntos de risco-- podería desenvolver o servizo co seu propio operativo. De ser así o persoal contratado actualmente por Urbaser ficaría nun limbo. 

Fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que se isto resulta, finalmente, as centrais sindicais "abrirán unha nova fronte contra o concello" mais agardan que de acordo co estabelecido na normativa vixente, o persoal sexa subrogado. 

Urbaser prepara a súa saída de Lugo?

Así as cousas, a empresa concesionaria tamén comezou a mover ficha esta sexta feira. Após ser informada polo concello do expediente de suspensión temporal, representantes da concesionaria acudiron escoltad@s pola policía local até a nave que acolle o material de traballo e procedeu ao traslado de varias furgonetas. Isto podería preludiar a inminente saída de Urbaser da cidade e a efectivización do expediente de caducidade que abocaría o resgate do servizo, quer de maneira pública, quer cun novo concurso. 

O grupo municipal do BNG solicitou unha reunión urxente e extraordinaria da Xunta de Portavoces do concello mais até o momento esta non foi convocada. 

Comentarios