O Concello anuncia a intervención temporal da concesión do servizo de lixo de Lugo

O alcalde anuncia que a vindeira segunda feira a empresa Tragsa comezará a recoller residuos dos 'puntos de risco sanitario' e a facer cobertura de servizos mínimos.

O alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou esta sexta feria a intervención temporal da concesión do servizo de lixo da cidade, unha vez superado o mes de folga por parte dos traballadores de Urbaser. Segundo Europa Press, o rexedor lucense informou que xa para a vindeira segunda feira está previsto que a empresa Tragsa comece a recoller residuos dos 'puntos de risco sanitario' e a facer cobertura de servizos mínimos, así como o que indiquen os técnicos da Casa do Concello.

Orozco referiuse o que cualificou de "cambio de escenario" como o detonante desta decisión, após que racharan as negociacións esta quinta feira entre traballadores e a dirección da concesionaria da limpeza.

"Xa estivemos en contacto con Tragsa para que unha vez intervida a empresa faga o traballo que se está deixando defacer na cidade, no que se refire á limpeza das rúas, o cumprimento exquisito e estricto das alarmas sanitarias, e o cumprimento dos servizos mínimos decretados polo Concello", sinalou Orozco.

O alcalde quixo aclarar que non se estaba a falar dunha "rescisión" do contrato senon dunha "intervención temporal" até que se resolva o conflito. Orozco tamén aclarou que Tragsa para o desenvolvemento das tarefas non vai empregar os de Urbaser, "mais terá os medios necesarios".

O BNG xa solicitou unha reunión da xunta de portavoces urxente para o alcaldea dea as explicaciñons sobre esta medida.

O alcalde mantén unha reunión con representantes dos traballadores, xuntanza que deu comezo unha vez feito o anuncio de intervención polo rexedor da cidade.

Comentarios