O comité de Vitrasa rebaixa as súas pretensións económicas para desbloquear o conflito esta sexta feira

O persoal propón unha suba salarial para os anos 2021 e 2022 de 3%, a pesar da perda de poder adquisitivo.
Protesta do persoal de Vitrasa, o pasado 31 de xaneiro, fronte ao Auditorio Mar de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera Protesta do persoal de Vitrasa, o pasado 31 de xaneiro, fronte ao Auditorio Mar de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A concesionaria municipal do transporte urbano do concello de Vigo, Vitrasa, e o comité de empresa volverán reunirse esta sexta feira para tratar de desbloquear o conflito, para o que as e os representantes dos traballadores e traballadoras rebaixaron as súas pretensións económicas co obxectivo de pór fin a unha situación que perdura desde hai xa máis de tres anos.

Após dous encontros de mediación decorridos a principios desta mesma semana, esta sexta feira ambas as partes emprazáronse a seguir negociando. Por iso, o comité decidiu propor unha suba salarial para o ano 2021 de 3%, do mesmo modo que para o exercicio 2022.

A pesar de que recoñece que a perda de poder adquisitivo neses anos superou o 12% e a día de hoxe alcanza o 16,1%, o comité subliñou que esta rebaixa das súas pretensións busca desbloquear o conflito e paralizar a folga indefinida, que comezou a finais de novembro do ano pasado.

"Sabemos que a empresa está cómoda cos servizos mínimos postos polo Concello á carta, xa que con 49 autobuses diarios cheos de pasaxeiros a súa rendibilidade aumenta considerabelmente e, ademais, o máximo responsábel do transporte urbano, Abel Caballero, até agora non lles exixe repor o servizo", critican desde o comité.

Comentarios