O comité de Vestas sobre o feche da planta de Viveiro: "É un golpe para A Mariña"

Concentracións diante das instalacións de Vestas en Chavín, Viveiro, por demandas laborais en 2014 (Arquivo de CCOO).
Desde a representación sindical das e dos traballadores da factoría de Chavín, Viveiro, anuncian que comezarán os actos de protesta polo expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción da factoría.

O anuncio de feche a finais deste 2021 da empresa de aeroxeneradores que a empresa Vestas ten en Chavín, Viveiro, está a xerar múltiples reaccións. A multinacional dinamarquesa xustificou a súa decisión coas mesmas explicacións que deu cando en 2018 procedeu a desmantelar a súa factoría no concello leonés de Villadangos e esquecendo as promesas que, daquela, fixera para a súa planta na Mariña para a que recibira subvencións aínda sen cuantificar na súa totalidade.

A proposta de recolocación do persoal, 115 operarias e operarios, implicaría que unha parte accedera a traballar na súa factoría en Daimiel, Cidade Real, a máis de 800 quilómetros de distancia. 

O comité de empresa decidíu, nunha xuntanza extraordinaria, iniciar esta cuarta feira, 22 de setembro, unha serie de mobilizacións contra o anunciado expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción. As protestas desenvolveranse á hora do bocadillo, de segunda até sexta feira, ás dez e media da mañá no aparcamento da factoría.

Ademais, mantiveron unha reunión coa alcaldesa da localidade, María Loureiro, e estudan máis concentracións e accións de protesta, entre as que prevén unha na Praza  do  Concello, con data aínda pendente de confirmación.

Fechou a factoría en León após recibir subvencións

Vespas fechara en 2018 a súa factoría de de Villadangos en León após recibir 16 millóns de euros en axudas públicas desde a súa apertura en 2006. O alcalde da localidade, daquela, afirmaba que a multinacional "enganounos a todos, colleu o diñeiro da subvención e cando se acabou o prazo fixado e comprometido, e foise".

O persoal, 362 traballadoras e traballadores, quedaron sen emprego e moitos comercios fecharon.

Recolocacións ridículas

Para o presidente do comité de empresa, David Mariño, as propostas de recolocación "son bondades para facer ver que non é malintencionado todo este proceso". Mariño lembra que "xa pasou o ano pasado tamén se ofreceron e eran ridículas e que só afectaban ao 1% do cadro de persoal". En todo caso queren "agardar a falar coa empresa" e ver cales son as propostas concretas. O anuncio da multinacional foilles toda unha sorpresa ao non ter a impresión de que houbera problemas na empresa. "Simplemente sae máis barato facelo noutro lado", puntualiza o responsábel do comité. 

Desde UXT expresan o seu "rexeitamento frontal" ao feche da fábrica. O sindicato non entende esta decisión "nun momento no que se anuncia a instalación de novos parques eólicos" e denuncia que detrás deste anuncio, "como xa sucedera con Siemens Gamesa nas Somozas recentemente, hai unha clara intención deslocalizadora cara outros puntos xeográficos". 

Susana Riveira, da CIG-A Mariña, cre que a decisión da multinacional “é un disparate” pola expansión que se pretende levar a cabo na zona da enerxía eólica. "É unha deslocalización cara outros países e aquí débense manter os postos de traballo relacionados co sector", declara a Nós Diario, "e desde o noso sindicato loitaremos, non estamos dispostas a que se perdan empregos", engade.

María José Novoa, de CCOO na Mariña, non entende "o anuncio dunha fábrica totalmente solvente". Indica a Nós Diario que "a eólica está en claro despegue" e este "é un golpe máis para A Mariña tras todo o que está a pasar con Alcoa". Insiste en que "tanto o Ministerio de Industria como a Xunta deben procurar solucións para esta comarca". Alén diso, cre que hai alternativas antes de fechar, "como o despedimento colectivo, se é necesario un expediente de regulación de emprego (ERTE), poderíase estudar".