Siemens-Gamesa fecha definitivamente nas Somozas

A empresa notifica a extinción de perto de 200 contratos na súa factoría das Somozas
Traballadores de Siemens-Gamesa nas Somozas nunha manifestación na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Traballadores de Siemens-Gamesa nas Somozas nunha manifestación na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Esta cuarta feira, 31 de marzo, certificouse o feche definitivo da planta de Siemens-Gamesa nas Somozas coa extinción dos contratos de boa parte das 215 persoas que traballaban nestas instalacións.

A multinacional consumou así as súas ameazas e deixa ducias de persoas sen emprego nunha comarca xa de por si maltratada nesta materia.

Mais a pesar de que este 31 de marzo era a data marcada pola empresa e os traballadores para pór fin á súa relación contractual, quedan traballos pendentes que van precisar de persoal. 

Neste sentido, o presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT), explicou a Nós Diario que haberá operarios rematando os traballos pendentes na cadea de pintado, "son uns 12, voluntarios, e non sei se se chegarán a xuntar", apuntou.

Xunto a estas persoas quedarán tamén un grupo reducido de operarios que axudarán nos labores de desmantelamento e que, posteriormente, se incorporarán á planta de Oliveira de Frades, en Portugal (17 persoas), e a outra factoría da multinacional no Brasil (3). O proceso de desmantelamento da planta, indicou López, será desenvolvido por persoal de empresas auxiliares ás que estes traballadores e traballadoras prestarán axuda. 

A maquinaria existente viaxará para Portugal, país no que Siemens-Gamesa preferiu apostar co obxectivo de gañar en rendibilidade. Segundo as súas estimacións, o proceso de desmantelamento podería quedar totalmente concluído "a finais de maio ou principios de xuño". 

Por esas datas está previsto que os 17 traballadores e traballadoras elixidas viaxen a Portugal a formar o persoal. No caso das tres persoas que teñen que viaxar ao Brasil "hai máis incertidume", recoñece o presidente do comité, xa que "está o tema fastidiado coa Covid-19". 

Cando estas persoas marchen, a empresa porá á venda as instalacións "a prezo de mercado", tal e como quedou recollido no acordo. Será entón cando un terceiro poderá retomar a actividade industrial nas Somozas e desde o comité loitarán para que o faga priorizando a contratación dalgunha das perto de 200 persoas que desde hoxe pasan a engrosar as listas de emprego na comarca. 

Polo de pronto, unha firma contratada pola empresa anda xa a buscar local na vila onde poder prestar asesoramento ao persoal que acaba contrato.

Comentarios