Vestas anuncia o fechamento da súa factoría de Viveiro a finais de ano

Afirma que ofrecerá recolocacións aos operarios noutros centros da empresa no Estado español. A factoría da Mariña emprega unhas 115 persoas.
Antiga planta de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera (Foto: Google Maps)

Vestas prevé cesar a produción nas súas fábricas de Viveiro (Galiza), Lauchhammer (Alemaña) e Esbjerg (Dinamarca) no marco dun axuste no seu negocio, segundo anuncia a compañía. Nun comunicado, informa de que busca desenvolver novos produtos e solucións para os seus clientes, á vez que amplía acordos con socios especializados da súa cadea de subministración.

"A integración en curso dos negocios onshore e offshore é unha parte crave deste desenvolvemento, especialmente de cara a consolidar un modelo operativo e un proceso de fabricación eficientes", apunta.

No marco deste desenvolvemento, Vestas anuncia esta segunda feira medidas para axustar a súa capacidade de produción en Alemaña, Estado español e Dinamarca, aínda que reivindica que mantén "forte presenza produtiva" no continente e segue fornecendo compoñentes de turbinas eólicas terrestres e mariñas aos seus clientes desde doce plantas en toda Europa, propiedade tanto de Vestas como dos seus socios na cadea de subministración.

"Debido tanto á diminución da demanda da plataforma de 2 MW como á necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña, xa non é sustentábel continuar coa produción en Viveiro", indica a firma

"A rápida transición enerxética actual, a veloz introdución de novos produtos e a recente integración dos nosos negocios onshore e offshore obrígannos a perfeccionar e evolucionar aínda máis nosa produción e cadea de subministración", destaca o vicepresidente executivo e COO, Tommy Rahbek Nielsen.

"Aínda que Vestas seguirá tendo unha forte presenza en Europa nas áreas de fabricación e mantemento, sempre é difícil tomar decisións que afecten negativamente aos nosos empregados. Quero subliñar o noso compromiso para estudar todas as opcións de recolocación dos compañeiros que desafortunadamente se verán afectados o cesamento da produción nas nosas plantas de Lauchhammer, Viveiro e Esbjerg", engade.

A fábrica de Vestas en Viveiro  emprega unhas 115 persoas que fabrican xeradores para a plataforma terrestre de 2 MW, así como paneis de control da turbina mariña V164 para mercados situados fóra de España. "Debido tanto á diminución da demanda da plataforma de 2 MW como á necesidade de optimizar a fabricación de compoñentes para eólica mariña, xa non é sustentábel continuar coa produción en Viveiro", indica a firma.

Conforme aos plans actuais, Vestas prevé cesar a produción nesta planta a finais de 2021 e afirma que ofrecerá recolocacións aos operarios que actualmente traballan en Viveiro noutros centros de Vestas no Estado.

Para mitigar os efectos, Vestas asegura que traballará "man a man co goberno autonónicol e estatal, así como os axentes sociais". "España segue sendo un mercado crave para Vestas, con máis de 4,8 GW de turbinas instaladas, 6 GW en mantemento e máis de 2.200 empregados a data de agosto de 2021, incluíndo a fábrica de pas en Daimiel, as operacións de mantemento e a sede da rexión mediterránea de Vestas en Madrid", subliña.

Comentarios