O comité de Alcoa confía en que a Xustiza tombe o ERE

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pensa que hai "argumentos de abondo" para declarar nulo o Expediente de Regulación de Emprego.
Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación de traballadores de Alcoa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, amósase confiado en que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombe o ERE presentado pola multinacional, xa que teñen "argumentos de abondo" para que se declare nulo.

Esta quinta feira, 3 de decembro, será cando o alto tribunal galego decida se acepta os argumentos da empresa para resolver favorabelmente este ERE, que afecta 524 traballadores, ou se pola contra invalida o mesmo.

"Esperamos que se declare a nulidade, que isto abra unha nova vía e que Alcoa desista das súas intencións de despedir 1.000 persoas e devolver unha comarca a 1970. Queremos que sente a negociar co Goberno español e coa Xunta a saída a esta problemática", expresou Zan.

O presidente do comité deduce que o fallo do TSXG "vai ser non só determinante para o futuro de Alcoa, senón para o futuro de toda a Mariña". "Estamos en mans duns xuíces que van ter que decidir sobre o futuro de toda a comarca. Por sorte temos argumentos suficientes para que se declare nulo o ERE e temos a razón, porque nos últimos tres anos temos o mellor prezo da enerxía", insistiu.

Fábrica competitiva

Neste contexto, Zan insistiu en que a factoría de San Cibrao (Cervo) non presenta "perdas", o cal bota por terra as intencións da dirección da compañía americana. "Agora mesmo non ten perdas. Noutros lugares do mundo están a empezar a arrincar plantas.

En Noruega puxeron a andar unha fábrica que levaba 10 anos parada, co cal agora mesmo é unha escusa bastante barata e unha bobada", di.

Nesta liña, Zan afirmou que "as plantas de aluminio e de alúmina son máis que competitivas nun período de incerteza, e agora mesmo que o período é de bonanza aínda son máis competitivas", concluíu.

Comentarios