xoves 26/11/20

O TSXG fixa para o 3 de decembro o xuízo pola demanda contra o despedimento colectivo de Alcoa

Esta nova fronte xudicial chega despois das medidas cautelares que os maxistrados aceptaron en parte, pero que permiten aplicar o ERE.
Concentración de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) en Viveiro o pasado 6 de setembro.(Carlos Castro/ Europa Press)
Concentración de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) en Viveiro o pasado 6 de setembro.(Carlos Castro/ Europa Press)

A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) fixou para o vindeiro 3 de decembro o xuízo pola demanda contra o despedimento colectivo que Alcoa pretende aplicar na fábrica de aluminio de San Cibrao, en Cervo.

As partes foron citadas ás 9:15 horas ao acto de conciliación e en caso de non haber acordo, o acto de xuízo comezará ás 9:30 horas, segundo informa o TSXG.

A parte social presentou a pasada sexta feira esta demanda contra o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa, que, de executarse, afectaría 524 traballadores da planta de aluminio.

Trátase dunha nova acción xudicial, posterior ás medidas cautelares que solicitou ante o TSXG e que foron aceptadas en parte, de modo que os maxistrados impiden á multinacional do aluminio que pare as cubas de electrolise, pero permítenlle levar adiante os despedimentos.

Polo momento, o comité de empresa non ten constancia de que ningún empregado recibise a carta de despedimento, aínda que Alcoa defendeuesta cuarta feira que o despedimento colectivo que mantén presentado é "necesario" xa que a planta é "pouco competitiva".

Tanto os sindicatos como os Gobernos estatale galego critican que existiu "mala fe" por parte da empresa na negociación deste despedimento colectivo. Pola súa banda, a firma asegura que actuou "de boa fe" e "conforme" ás normas.

Previamente ao revés das cautelares, que Alcoa recorreu, un laudo arbitral resolveu tamén a favor do cadro ao manter os servizos mínimos acordados na folga indefinida.

comentarios