xoves 26/11/20

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG exixe pensións dignas

Os xubilados e pensionistas propoñen equiparar a pensión mínima ao Salario Mínimo Interprofesional
Protesta das pensionistas da CIG en Cangas (Foto: Nós Diario).
Protesta das pensionistas da CIG en Cangas (Foto: Nós Diario).

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse hoxe en todas as cidades galegas e vilas como Cangas en demanda dun servizo público galego de atención ás persoas, o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias.

Representantes do colectivo lembraron que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado español e que, de feito, máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros ao mes, unha situación que empeora no caso das mulleres, xa que a pensión media dun galego é case 300 euros superior que a dunha galega. Así pois, das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis de 60% do total son mulleres.

Diante desta situación, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG estará expectante para saber que medidas se deciden o próximo martes día 10 de novembro no Congreso das deputadas e deputados, onde se abordarán as recomendacións acordadas no Pacto de Toledo.

O colectivo reitera que “o sistema público de pensións é viable se, con vontade política, se toman as decisións axeitadas, a comezar pola derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto PSOE como PP impuxeron no seu momento”.

Advirte ademais que non aceptará propostas que supoñan introducir máis reformas regresivas so pretexto da crise e defende que a solución, entre outras cuestións, pasa por un mercado laboral forte, con emprego estábel e salarios dignos, “único xeito de garantir un futuro con pensións que permitan ás persoas levar unha vida digna”.

Entre as súas propostas figuran a supresión do Factor de sustentabilidade, a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC. 

Tamén queren a xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións, a supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais, a eliminación dos topes máximos de cotización ou o traspaso á Administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

comentarios