O 'colchón familiar' representa a principal fonte de ingresos en perto da metade de fogares de Galiza

Perto da metade de fogares galegos só perciben ingresos por vía das pensións e xa representan máis que os fogares cuxa principal renda provén dos salarios. 

Os salarios caen e o número de fogares con todos os seus membros desempregados atinxe xa a máis de 90.000 moradas. Perante esta realidade, o coñecido como colchón familiar --as rendas que proveñen das pensións-- estase a converter na principal fonte de ingresos dos fogares galegos. Até o punto de que en 2012 representaron perto da metade os fogares que declaraban rendas procedentes de pensións contributivas e outras a fonte de recursos económicos familiar. 

Neste senso, o informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en relación ao estudo dos salarios en Galiza sinala que o 46,9% dos fogares galegos apuntan como fonte principal de ingresos as pensións contributivas, en contraste co 43,7% que di seren os salarios. O incremento reiterado do número de persoas desempregadas e a perda, en moitos casos, das prestacións por desemprego deixan boa parte dos fogares de Galiza coa axuda familiar como principal fonte de recursos. 

Aliás, a queda das remuneracións salariais (-5,9%) --que suma catro períodos consecutivos de caída na Galiza-- sitúase por riba do que a media do Estado español (-5,6%) e contrasta coa tendencia positiva da media europea (+2,8%). Esta caída das rendas do traballo débese, apuntan desde o IGE, "á caída no emprego asalariado, e nos últimos anos da serie, á caída da remuneración media". 

Así mesmo, a tendencia á baixa atinxe de maneira especial ás mulleres --en todas as faixas de idade-- pois no ano 2010 o salario bruto anual medio en Galiza "foi de 22.626,2 euros para os homes e de 17.691,1 euros para as mulleres", segundo recolle o estudo do IGE. Neste senso, as remuneracións salariais das mulleres "representan o 78,2% do salario dos homes" o que reflicte a pervivencia dunha forte fenda salarial.

Cadros tirados do IGE.

Imaxe capa: Van Gohg

Comentarios