TRABALLO

CIG mobilízase contra a "represión" que exerce Inditex sobre as súas traballadoras

A central sindical fai pública a "persecución" de Inditex contra as traballadoras de Zara cunha concentración diante dun estabelecemento do xigante téxtil no centro de Compostela.
Concentración diante dun Zara de Compostela esta quinta feira (CIG).
photo_camera Concentración diante dun Zara de Compostela esta quinta feira (CIG).

A sección sindical da CIG en Zara na Coruña mobilizouse esta quinta feira para denunciar publicamente a "represión sindical" que está a exercer o grupo Inditex sobre as súas traballadoras.

Cunha concentración diante do estabelecemento de Zara no centro de Compostela, a CIG pretende dar a coñecer a "persecución" contra as traballadoras por parte de Inditex, nomeadamente contra a presidenta do comité coruñés, Carmiña Naveiro.

Unha "persecución" que comezou, segundo traslada a central sindical, tras manifestar a súa oposición á modificación unilateral das condicións laborais "sen negociación previa e impedindo o dereito á conciliación".

A CIG rexeita as prácticas "intolerábeis que atentan contra a dignidade das persoas traballadoras" exercidas polo xigante téxtil e lembra que o pasado 18 de maio a empresa ordenou unha modificación dos horarios e das quendas, afectando incluso ás persoas con medidas de conciliación familiar, sen especificar canto tempo ía durar a medida e sen deixar constancia por escrito destes cambios.

A consecuencia desta modificación, a empresa ordenoulle á presidenta do comité que abandonara o seu posto de traballo durante a súa quenda ordinaria, aducindo que agora o seu horario laboral remataba ás 20:15h e non ás 22:30h. Naveiro negouse a abandonar o seu posto se non lle comunicaban por escrito esta mudanza, ao que á empresa respondeu "da maneira máis abusiva posíbel" e chamou a Policía. 

"Así é como actúa a dirección desta empresa", alertou Carmiña Naveiro, para lembrar que "seis homes vestidos de uniforme (catro policías e dous gardas de seguridade) entraron non almacén onde estaba a traballar eu soa; sentinme totalmente coaccionada". 

Naveiro criticou que o grupo Inditex aparece nos medios de comunicación coma "unha alma caritativa" que fai doazóns, non aplica ERTE, etc., "pero logo resulta que amparándose no estado de alarma modifica a xornada do seu persoal e chama a policía para obrigar as súas traballadoras a abandonar o seu posto, aplicando a represión contra elas e as súas representantes".

Comentarios