Traballo

A presidenta do comité de Zara cualifica de "discriminatorio" o reparto que fai Inditex da prima de beneficios

Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara e representante da CIG-Servizos, asegura que o grupo Inditex discrimina ás traballadoras das súas tendas fronte ao persoal de loxística, almacén ou da central con esta paga.
Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Unha persoa con máscara pasa por diante dunha tenda de Zara (Eduardo Parra / Europa Press)

O comité de empresa de Zara denuncia que o reparto que fai o grupo Inditex da paga de beneficios, o chamado bono anual de abril, "é discriminatorio" porque "o persoal das tendas vai cobrar, ou non, en función das vendas do ano anterior ou do obxectivo que a propia empresa poña por cada cadea e por cada tenda". Porén, o persoal de central, almacén ou loxística "cobra sempre porque depende directamente dos beneficios" do grupo Inditex.

Así o manifestou esta cuarta feira a presidenta do comité de empresa de Zara, e representante da CIG-Servizos, Carmiña Naveiro, quen entende que é, ademais, "dobremente discriminatorio porque se estabelecen diferenzas entre o cobran as traballadoras que, facendo o mesmo traballo, recibirán esa paga nunha ou outra contía ou non recibirán nada. E tamén é discriminatorio para todo o persoal de tendas fronte o de loxística, almacén e central, porque si ou si van cobrar".

"Sendo todas dependentas non somos todas iguais", critica. Naveiro entende que con esta medida Inditex "deixa claro que dentro das propias tendas e do grupo existen traballadoras de primeira, de segunda e de terceira categoría". 

Asegura que ás traballadoras e traballadores "parécenos moi ben que Inditex e o propio Amancio Ortega fagan doazóns á sanidade e aos colectivos que o necesitan neste momento", mais traslada a queixa de que "non recibe igual trato o persoal" que merece ser "coidado" porque é, ao final, "quen lle garante ao grupo e ao empresario os cuantiosos beneficios que obtén"

Prima de beneficios

Carmiña Naveiro explica que a pasada terza feira se lle trasladou ao persoal que o bono anual de abril, a prima de beneficios, farase efectiva unha vez se proceda á apertura xeneralizada das tendas en todo o Estado e que esta paga será fraccionada. "Se as tendas abren en maio cobraremos en xuño unha parte e a outra en xullo", di. 

A empresa é quen estabelece os requisitos para cobrar esa paga: "Se unha traballadora supera o obxectivo fixado para a tenda, cobrará a prima completa; se non supera ese obxectivo, pero supera as vendas do ano anterior, cobrará a metade; e quen non chega o obxectivo, nin supera as vendas do ano anterior, non cobra nada". "Consideramos esta situación inxusta e discriminatoria para as dependentas das tendas de Inditex", asevera a presidenta do comité.

Comentarios