Traballadores de contratas da refinaría da Coruña exixen máis seguridade a Repsol

Persoal e sindicatos recoñecen avances nas negociacións coa petroleira mais consideran que son "insuficientes". Tras manifestarse esta mañá pola rúas da Coruña, manteñen o paro convocado esta semana tras a morte do compañeiro Unai Martínez.
Manifestantes participan nunha marcha tras a morte dun traballador da refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: M. Dylan / europa Press).
photo_camera Manifestantes participan nunha marcha tras a morte dun traballador da refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: M. Dylan / europa Press).

Traballadores de subcontratas da refinaría de Repsol manifestáronse pola rúas da Coruña "en honra" ao compañeiro falecido, Unai Martínez, e para esixir que se esclarezan as causas do accidente. Tamén reclaman melloras inmediatas nas medidas de seguridade e condicións de traballo dignas.

Case 400 manifestantes, segundo fontes da Policía Local, entre os que había amigos e familiares do falecido, saíron pasado o mediodía da porta da refinería de Bens -onde permanecen concentrados desde a pasada segunda feira- e percorreron, lanzando petardos e de maneira pacífica, a avenida Finisterre até a praza Pontevedra.

Desde aí, dirixíronse á Delegación do Goberno da Galiza onde, co tráfico cortado en ambos os dous sentidos, entre berros de "Unai somos todos!" axeonlláronse entre aplausos da multitude.

Medidas insuficientes

A respecto da reunión que mantiveron esta quinta feira sindicatos, representantes das empresas auxiliares e Repsol, o secretario  xeral da CIG, Paulo Carril, en declaracións aos medios antes da  manifestación comunicou que existe un "salto importante" na medida en que Repsol "recoñece" a existencia dunha comisión de representantes das auxiliares que ten unha táboa reivindicativa "moi centrada" na "mellora substancial" das condicións de seguridade.

Neste sentido, a empresa deu resposta a unha serie de demandas "inmediatas e urxentes" para poder realizar o traballo cun mínimo de seguridade. Antes da manifestación os traballadores subcontratados xuntáronse nunha nova asemblea e unha decena deles, en representación, entraron na planta para comprobar se Repsol puxera ao dispor dos operarios as demandas requiridas.

Ao saír, confirmaron que a zona onde se realiza a parada técnica conta desde hoxe cunha ambulancia medicalizada 24 horas ao día e sete días á semana equipada con médicos e todos os equipos de asistencia, equipos autónomos de respiración, así como mecanismos de detección de emisión de gases e de seguridade nas zonas de traballo previa á realización das tarefas.

Durante a asemblea, os traballadores votaron e decidiron continuar de maneira indefinida co paro por considerar estas medidas "insuficientes". De feito, esta tarde volveranse xuntar para organizar os piquetes dos próximos días.

Accidente laboral

Sobre as causas do accidente ocorrido o pasado sábado, Carril insistiu en que van esixir "que se depuren responsabilidades" xa que "unha vez máis" se demostrou a inseguridade que existe nas instalacións da refinería e a "precariedade" coa que se fai o traballo.

Pola súa banda, fontes de Repsol indicaron a vontade de manter o "diálogo aberto" e fixeron un chamamento para alcanzar acordos traballando de forma "conxunta" e de maneira "construtiva". A empresa precisou que non está lexitimada "nin pode ser interlocutor" na negociación de condicións relativas a traballadores doutras empresas.

Comentarios