Ferrol

A CIG leva Ribera Salud ante a Inspección por "vulnerar o dereito a folga" no Hospital Juan Cardona

A central nacionalista alerta dunha "clara práctica de esquirolaxe".
Concentración ante o Hospital Juan Cardona de Ferrol, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración ante o Hospital Juan Cardona de Ferrol en marzo. (Foto: Nós Diario)

A CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra o grupo Ribera Salud, propietario do Hospital Juan Cardona de Ferrol, por "vulneración do dereito fundamental á folga".

Segundo denuncia a central sindical este sábado, durante unha das xornadas de folga convocadas no sector no mes de marzo, a dirección deste centro privado "decidiu substituír unha traballadora en folga con compañeiras que habitualmente desempeñan outras actividades".

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, asegurou que se trata dunha "clara práctica de esquirolaxe", posto que esa actividade "non estaba marcada como servizos mínimos". "A traballadora que realiza ese servizo exerceu o seu dereito á folga e a empresa, para evitar que se paralizase a actividade, mandou outras compañeiras a desenvolver unhas tarefas que non lles son propias. Pero substituír persoal en folga é ilegal", lembrou Tizón.

O sindicato sostén que a dirección do hospital "xa tentara unha manobra similar nas xornadas de folga previas, pero non conseguiu o seu obxectivo" pola oposición do comité de folga.

Ante a paralización das negociacións do convenio provincial da sanidade privada da Coruña, as centrais sindicais teñen convocadas tres novas xornadas de folga para a vindeira segunda feira, día 15, a terza 16 e a cuarta 17 de abril, que se suman ás seis xornadas previas e ás ducias de mobilizacións realizadas polo persoal desde o pasado mes de setembro en demanda de "salarios e condicións xustas".

Comentarios