A CIG denuncia o "abuso patronal" cos ERTE "fraudulentos"

O sindicato realizou protestas simbólicas nas sete cidades do país para reclamar "salarios dignos", "protección social" e "seguridade nos centros de traballo".

cig-lugo
photo_camera Concentración desta quinta feira, 23 de abril, fronte á subdelegación do Goberno español en Lugo (Nós Diario)

O sindicato CIG realizou nesta quinta feira, 23 de abril, protestas simbólicas nas sete cidades do país para reivindicar ao Gobernos español e galego medidas de protección laboral e social para a clase traballadora, así como para exixir que os custes da emerxencia sanitaria non recaian, "unha vez máis", sobre as maiorías sociais.

As concentracións, nas que participaron unhas dez persoas en cada unha gardando o distanciamento de seguridade, desenvolvéronse diante da Delegación do Goberno español na Coruña, das Subdelegacións de Pontevedra, Lugo e Ourense e nos edificios da Xunta de Galiza de Vigo, Ferrol e Compostela.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que a central acordara realizar estas accións de carácter simbólico "despois de semanas de achegar propostas, reclamacións e denuncias que non son atendidas nin polas administracións nin polas empresas".

Por iso, "hoxe estamos aquí para reivindicar o cobro do paro e dos salarios, porque a falta de ingresos está a empobrecer moito máis o conxunto do pobo traballador; medidas de protección social para todas as persoas sen exclusións nin discriminacións; un control estrito do cumprimento das medidas de seguridade do persoal que está a traballar; e respecto polos dereitos e liberdades civís".

Salarios pendentes

O dirixente sindical considera que as medidas aprobadas dende o decreto do estado de alarma "son inxustas e insuficientes", e que están a provocar un "regueiro de despedimentos e ERTE", e "afondan na precariedade dos colectivos laborais máis vulnerábeis", os eventuais e con contratos con ETT.

Nesta liña, reclamou ao Goberno español que habilite mecanismos para garantir o cobro inmediato das prestacións, se salientou que hai traballadores que "a día de hoxe só percibiron unha parte dos salarios de marzo" e "non teñen certeza algunha de canto nin cando poderán cobrar o desemprego".

ERTE "fraudulentos"

O secretario xeral da CIG advertiu tamén do "abuso patronal que se está a producir". Considera que se están a dar ERTE "sen garantías sequera de mantemento dos empregos".

Ademais, sinalou que "moitas empresas están a aproveitar a emerxencia sanitaria para levar adiante suspensións de emprego fraudulentas", mesmo rexistrándose casos de empresas "cun ERTE vixente" nas que "se obriga o seu persoal a acudir a traballar".

Comentarios