CIG considera unha “enorme irresponsabilidade” a volta ao traballo nestas condicións

Denuncia que se fai sen garantir a seguridade das persoas e sen que haxa mecanismos de control estritos.

Ciclo combinado de Sabón cos traballos de demolición da cheminea da térmica en primeiro plano.

A CIG considera unha “enorme irresponsabilidade” que o Goberno español permita o reinicio das actividades económicas non esenciais “cando aínda estamos en situación de máxima emerxencia sanitaria, cando non se corrixiu a falta de medidas de protección nos centros de traballo, non se exerce un control estrito para o seu cumprimento ou cando mesmo se teñen relaxado algunhas das medidas adoptadas con anterioridade, como ás relativas ás persoas especialmente sensíbeis”.

O secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, considera que os termos nos que se prorroga o estado de alarma "afondan na insuficiencia e inxustiza das medidas aprobadas, obrigando as traballadoras e traballadores a volver ao seu posto, mais sen mellorar a definición das medidas de protección nin garantir a súa saúde".

Carril asegura que nestas últimas dúas semanas nos sectores en activo non se adoptaron os mecanismos precisos para corrixir as deficiencias nesta materia.

A isto engade as críticas a un Goberno “que segue a improvisar e mesmo se contradí nas últimas recomendacións/decisións sobre as indicacións de como ir traballar, pois non se corresponden as declaracións que realiza o ministro de Sanidade cos textos lexislativos e as guías de boas prácticas publicadas".

A central sindical vén reclamando dende o inicio da crise sanitaria a necesidade de paralizar toda actividade non esencial para garantir o cumprimento do estado de alarma e ao tempo garantir a seguridade e a saúde de toda as persoas.

Comentarios