CIG pide modificar o decreto de alarma para que todas as traballadoras fiquen na casa

Só continuarían as actividades imprescindíbeis para loitar contra a pandemia do COVID-19.

cig 2

CIG pide que se adopten todas as medidas laborais necesarias para que se garanta que toda a xente poida realmente ficar na casa agás a ligada a aquelas actividades “imprescindíbeis” para comabtr o coronavirus.

Demanda a primeira central sindical na Galiza que se modifique o decreto aprobado polo Consello de Ministros para que as medidas vaian na liña das adoptadas por outros estados europeos. “Á inxustiza e insuficiencia das medidas, súmaselle a utilización abusiva polas empresas”, denuncia.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, indica que  “se deben paralizar todas as actividades, agás aquelas declaradas imprescindíbeis para afrontar esta situación de emerxencia sanitaria”. Servizos esenciais nos que, en todo caso, deben adoptarse todas as medidas de seguridade, de forma que as persoas que desenvolvan estas actividades indispensábeis poidan facelas de forma segura e con todas as garantías.

CIG denuncia tamén o papel das mutuas. Denuncia que son moitas as persoas traballadoras e traballadores  que foron e son citadas a través de mensaxe aos seus móbiles para acudir a cita nesta mutua (cita o sindicato Ibermutua Gallega) con resolución de alta médica. “Entre as persoas citadas, atópanse traballadoras en situación de I.T. por patoloxías consideradas de especial risco, outras con secuelas ou en proceso de recuperación que precisan de acompañamento nos seus desprazamentos”, explica,

Respecto das baixas que está a dar o Servizo Galego de Saúde explica que se están dando baixas por parte do SPS de primaria por ter os síntomas, máis non se lle aplican os códigos por estar en corentena, que é o que garante o cobro do 75% dende o primeiro día. “Se vas ao médico e dislle que tes coronavirus ou síntomas de coronavirus, e póñenche en corentena, o código que o sistema galego de saúde marca identifícache nunha continxencia que a Seguridade Social non contempla co tipo do que permite cobrar o 75%”, indica.


 

Comentarios