A CIG conmemorará o Día da Clase Obreira Galega con mobilizacións comarcais

Monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, en memoria das loitas sindicais que custaron a vida a dous traballadores da antiga Bazán (Foto: Nós Diario).
photo_camera Monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, en memoria das loitas sindicais que custaron a vida a dous traballadores da antiga Bazán (Foto: Nós Diario).

Desde o ano 1972, o sindicalismo nacionalista celebra o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Nesta data conmemoran as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, e que meses despois se estenderon a Vigo, pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.

Este ano 2023 desde a CIG chaman a facer do 10 de Marzo unha xornada de mobilización en todas as comarcas de Galiza "ante as ameazas que temos por diante e ante a necesidade de continuar na resposta fronte a grave crise actual".

As medidas postas en marcha polo Goberno español e galego "resultan insuficientes, e mesmo inexistentes, mentres o capital está tirando proveito da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta do saqueo ao pobo traballador e as maiorías sociais. Velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas".

O sindicato nacionalista incide nomeadamente na defensa das pensións públicas, de aí a súa preocupación porque se vaia "aprobar unha nova reforma das pensións, aumentando a 30 anos o período de cálculo, que suporá un novo recorte das contías de entre un 6% e un 8%, como o propio Banco de España recoñece".

"Por todas estas razóns, estamos chamados e chamadas a nos mobilizar ante a patronal e ante os Gobernos diante da necesidade de dar resposta a unha realidade económica e social extrema que está a ter un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT", indica a central nacionalista.

"Na nosa man e na nosa capacidade de mobilización está parar esta reforma das pensións, está poder avanzar na defensa dos servizos públicos, na recuperación económica, na industrialización e na creación de emprego digno na nosa terra".

Comentarios