Antonio Lima (CIG)

“A centralización de Telefónica destrúe emprego e prexudica a economía galega”

Desde hai tempo o plantel da operadora en Galiza está a se mobilizar contra un modelo que concentra e centraliza o traballo en Madrid e Barcelona, mentres deixa Galiza á marxe da produción de servizos avanzados e do emprego de calidade. Falamos con Antonio Lima, de CIG-Telefónica.

telefonica

- Concentración e centralización son as dúas palabras que afirmades que definen o novo modelo de xestión que se aplica en Telefónica e contra o que vos mobilizades. Que implican?

- Implica que aquí desaparece un plantel propio. A finais dos 80 e principios dos 90 eramos case 4.000 traballadores en Galiza. Daquela todo se xestionaba desde aquí, a través das direccións provinciais que era onde se tomaban as decisións. Mais coa privatización de Telefónica isto mudou e pasouse a outro modelo de xestión no que comeza a recortarse de forma drástica o cadro de persoal. Agora en Galiza somos 1.240 traballadores, moi por baixo do que nos corresponde.

Daquelas direccións provinciais pasouse a unha dirección única en Galiza e no 2011 finiquitouse e a dirección pasou a Bilbao. Ao tempo, Telefónica cambiou a cualificación das provinciais e todas as de Galiza pasaron ser de tipo III, é dicir, as de menos actividade e con pouco plantel. Isto ten unha implicación grave, que é que non vai haber perspectiva de traballo neste sector, o que se nota xa en que non se incorpora xente nova.

Calculamos que con este modelo en Galiza ficarían uns 400 operarios

- Todo isto responde a unha planificación, a un modelo...

- Efectivamente. Este sistema de xestión vai conservar un plantel mínimo, encargado do control, supervisión, de internalizar o coñecemento mentres que externaliza todo o resto. Así, destrúese emprego de calidade en Telefónica e créase nas contratas un emprego temporal, precario, con baixos salarios.

Os plans da empresa son manter 13.000 dos 27.000 traballadores que na actualidade hai no Estado, e a metade deses 13.000 ficarían en Madrid e Barcelona, ficando boa parte do resto en Bilbao, Valencia e Sevilla, que son as direccións actuais. No resto das provincias ficarían uns poucos traballadores, para abrir e fechar a porta e apagar a luz, como quen di. Nós calculamos que con este modelo en Galiza ficarían uns 400 operarios: 200 na Coruña, 100 en Pontevedra, 50 en Ourense e outros tantos en Lugo.

- Insistides no impacto que iso tería na economía de Galiza

- Si, e por varios motivos. En primeiro lugar, en termos de renda, de salarios dos traballadores que circulan na nosa economía. Aquí chegamos ser 4.000 traballadores, que é máis de media factoría de Citroën. Mais hai outros impactos que non podemos perder de vista, como a formación de capital humano, Se en Galiza Telefónica non ten un centro de decisión hai todo un emprego capacitado, preparado, de calidade que non se vai precisar aquí. Nun sector tan importante e dinámico como é o das TIC. Estase amputando unha rama de actividade ao país, como o das telecomunicacións. E que ten moita relación con outros sectores que para Galiza son estratéxicos, como o naval ou a automoción. Así pois, esta concentración e centralización que fan en Telefónica resulta en Galiza nun empobrecemento económico, de capital humano, e na prestación de servizos, pois pasan a decidir e xestionar desde 900 quilómetros.

O galego é secundario. Nin sequera respectan a toponimia. Agora mesmo hai un mapa de despregamento de fibra óptica onde figura 'Puentevedra'

- Para reverter a situación desde a CIG propoñedes que se considere Galiza un territorio organizativo con capitalidade e dirección propia

- Telefónica parte o Estado en zonas territoriais. E a 4, a Norte, é onde está Galiza, canda Asturies, Castela, Cantabria e Euskadi, e Bilbao é onde se toman as decisións para toda esta zona. Nós o que pedimos é que en Galiza haxa unha dirección propia, é algo factíbel, existía en 2011. Outra cousa é que á empresa non lle interese, mais si que é posíbel.

- Todas estas cuestións foron trasladadas aos grupos parlamentares...

- Atopamos receptividade no BNG, AGE e Grupo mixto. No PSOE e PP, deixadez, algo que xa nos acontecera en 2014 cando comezamos a denunciar isto, só que agora ese desleixo é máis acentuado.. Nós aos grupos parlamentares pedímoslles dúas cousas: que fiscalizasen a xestión do goberno galego, que concede moitas subvencións a empresas por servizos, banda larga... e gostariamos que esas axudas se subordinasen a compromisos co emprego en Galiza. Tamén lles pedimos que impulsen medidas no Parlamento para que se evite a deslocalización de emprego cualificado.

Se en Galiza Telefónica non ten un centro de decisión hai todo un emprego capacitado, preparado, de calidade que non se vai precisar aquí. Nun sector tan importante e dinámico como é o das TIC

- E a Xunta?

- A Xunta é consciente de todo isto, sabe ben o que está a pasar e non fixo nada, seguen dando subvencións sen contraprestación algunha de cara a compromisos de crear emprego aquí. Cando non participando co presidente de Telefónica nunhas xornadas na Cidade da Cultura sobre emprendimento, tecnoloxía... que ficaron en nada. Os participantes até tiñan que levar os seus computadores da casa.

- Tamén vos amosades críticos con Telefónica no eido do idioma

- O galego é secundario para ela, cando non combatido. Nin sequera respectan a toponimia. Agora mesmo hai un mapa de despregamento de fibra óptica onde figura 'Puentevedra', algo que non se non o ves non o cres. Xa trasladamos a nosa queixa. Ademais, non hai garantida atención comercial en galego.

Comentarios