Ourense

CCOO presenta unha denuncia penal contra Xácome por agredir unha sindicalista

O sindicato insta Alfonso Rueda a tomar unha decisión: "Nin unha persoa que actúa deste modo pode seguir nun cargo público, nin Ourense merece saír nos medios de comunicación de todo o Estado por culpa de feitos tan lamentábeis".
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, uns intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) formalizou na mañá desta sexta feira a denuncia penal contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, pola agresión a unha sindicalista desta organización o pasado 3 de maio.

A demanda, asinada pola secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, "describe con precisión estes feitos, corroborados polos audios e imaxes captadas polos medios de comunicación alí presentes", subliñan desde o sindicato.

O texto tamén sinala que a agresión, alén de representar un posíbel "maltrato de obra", "constitúe unha vulneración dos dereitos sindicais da agredida, así como unha actuación contraria ao libre exercicio do dereito de folga".

agresión tivo lugar nunha protesta no marco da folga do transporte urbano en Ourense, cando a sindicalista, megáfono en man, quixo darlle voz ao alcalde para que este explicase a súa proposta de resolución do conflito laboral.

O rexedor de Democracia Ourensá (DO) rexeitou en varias ocasións tomar a palabra, para despois golpear no brazo e empurrar a sindicalista, Lola Panero, que observou o alcalde con perplexidade.

CCOO insta Rueda a "tomar unha decisión"

Amelia Pérez apuntou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "debe tomar unha decisión" a respecto do futuro político de Ourense: "Non abonda coas condenas por parte dos grupos municipais; cómpre dar un paso e facer que algo cambie dunha vez".

"Nin unha persoa que actúa deste modo pode seguir nun cargo público, nin Ourense merece saír nos medios de comunicación de todo o Estado por culpa de feitos tan lamentábeis", concluíu a líder sindical.

Comentarios