O alcalde de Ourense agride unha sindicalista no comezo da folga de transporte urbano

O primeiro día de folga do transporte urbano en Ourense estivo protagonizado polos piquetes informativos ás portas da nave na que se atopan os vehículos, en Quintela de Canedo.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: Twitter)
photo_camera Xácome, intres despois de agredir a sindicalista de CCOO. (Foto: @JacomeIsFake/Twitter)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, empurrou unha sindicalista de Comisións Obreiras (CCOO) que se atopaba na concentración convocada na Praza Maior pola folga de transporte urbano que comezou esta terza feira.

A agresión tivo lugar cando a sindicalista, megáfono en man, quixo darlle voz ao alcalde para que este explicase a súa proposta de resolución do conflito laboral.

O rexedor de Democracia Ourensá (DO) rexeitou en varias ocasións tomar a palabra, para despois golpear no brazo e empurrar a sindicalista, que observou o alcalde con perplexidade.

Nese momento, axentes da Policía Local de Ourense e outra sindicalista de CCOO intercederon para evitar que a tensión fose maiores. Entre berros de "alcalde, responsábel (do conflito)!", Xácome optou por reunirse no seu despacho con varios integrantes do comité de empresa.

Folga de transporte urbano en Ourense

O primeiro día de folga do transporte urbano en Ourense estivo protagonizado polos piquetes informativos ás portas da nave na que se atopan os vehículos, en Quintela de Canedo.

O paro, convocado de maneira indefinida, ten como causa a falta de acordo entre a patronal e o comité de empresa para a renovación do convenio laboral.

Un dos motivos de maior tensión na xornada de hoxe foi o estabelecemento duns servizos mínimos de 52,8%, fixado polo Concello.

O comité de empresa anunciou que acataría estes servizos mínimos, mais lamentou que se "estea a vulnerar" o dereito a folga do persoal. Pola súa parte, o Concello de Ourense criticou que os piquetes non permitiron cumprir os servizos mínimos e denunciou mesmo "sabotaxes" nalgúns autobuses.

Comentarios