Campaña de mobilizacións contra o ERE do BBVA na Galiza

A CIG denuncia unha estratexia de dixitalización "á brava" que afecta á clientela.
Concentracións diante do BBVA (Nós Diario)
photo_camera Concentracións diante do BBVA (Foto: Nós Diario)

O anuncio dun expediente de regulación de emprego (ERE) no cadro de persoal do BBVA en todo o Estado español motivará unha campaña de mobilizacións en contra, segundo vén de anunciar a sección sindical da CIG desta entidade bancaria. 

A central nacionalista considera nun comunicado que a filtración aos medios de comunicación do despedimento colectivo busca preparar o terreo "sobre o suposto impacto" e que "forma parte da estratexia que ten o BBVA" co "mesmo guión e pasos" que xa empregaron outras entidades de "anuncio público, filtración interesada, negociación máis aparente que real e sinatura dun ERE por parte do sindicalismo domesticado". 

Alén diso, na CIG denuncian que o obxectivo é "amedrentar o persoal para que se vaia facendo á idea e busque unha saída individual" que, polo que ocorreu noutros procesos semellantes, advirten, "non existe". 

Menos horas de atención á clientela e dixitalización

Outra das denuncias da central sindical é a introdución no banco dunha estratexia de dixitalización "á brava" que afecta á clientela, busca poder fechar centros de traballo rendíbeis e destruír milleiros de empregos "como vía de maximizar os beneficios a curto prazo". 

A CIG denuncia que o BBVA está restrinxindo servizos á clientela que van desde a redución horaria dos servizos de caixa até mesmo cobrar aos clientes e clientas por operar nas oficinas.

Aseguran que sobra "unha Dirección herdeira directa da anterior que puxo ao BBVA na picota", e non o persoal, e adianta que "se hai despedimento, hai conflito". 

A campaña de mobilización comezará o vindeiro día 16 de marzo cunha concentración diante da dirección territorial da zona noroeste que a entidade bancaria ten na Coruña.

Comentarios