Seis de cada dez persoas LGTBI viviron unha agresión no traballo

Un informe realizado pola UXT, baseado nunha enquisa a nivel estatal, achega datos sobre a situación laboral deste colectivo. Galiza está entre as tres comunidades onde a percepción da discriminación por este motivo é máis alta.  
Presentación do informe (Nós Diario).
photo_camera Toño Abad e Trinidad Campos na presentación do informe (Foto: Nós Diario).

A situación laboral do colectivo LGTBI na Galiza e no Estado español foi obxecto de estudo a través dunha enquisa realizada por UXT no primeiro semestre de 2020. As conclusións presentáronse esta quinta feira e indican que un 96% das persoas consideran na Galiza un inconveniente a súa condición LGTBI á hora de encontrar traballo.

Ademais, un 91% considera necesario ocultar a súa orientación sexual e seis de cada 10 teñen vivido algunha agresión no ámbito laboral. No caso de persoas trans, un 48% afirman que foron rexeitadas en entrevistas por prexuízos. 

Toño Abad recoñeceu que os datos teñen moito que ver co tipo de empresas máis comúns na Galiza, medianas e pequenas en cidades medias

O responsábel da área LGTBI de UXT, Toño Abad, e a secretaria de Igualdade de UXT na Galiza, Trinidad Campos, explicaron onte en rolda de prensa que Galiza está entre as tres comunidades onde a percepción da discriminación por este motivo é máis alta. 

Toño Abad recoñeceu que os datos teñen moito que ver co tipo de empresas máis comúns na Galiza, medianas e pequenas en cidades medias --fronte ás grandes compañías en capitais--, mais tamén polo contexto sociopolítico. "Galiza ten normativas LGTBI mais non as aplica", lamentou o membro de UXT.

No informe realizado polo sindicato tamén se preguntou a persoas heterosexuais e o resultado deu que un 69,31% das e dos enquisados senten a presenza habitual desta discriminación cara a persoas LGTBI porque aseguran que non teñen as mesmas oportunidades.

Sen convenios que garantan a igualdade

Segundo o documento presentado, só tres de cada 10 convenios, de 1.200 analizados, teñen cláusulas que se refiran ás persoas LGTBI, é dicir, que un 70% deles non protexen as persoas que entran neste colectivo, algo que, desde este sindicato, apuntan como "unha situación preocupante". 

Por isto, desde UXT exixen ao Goberno español que negocie o contido da lei no eido laboral e que se introduza nas empresas de máis de 200 traballadores a obriga de ter plans que se desenvolvan a través de regulamentos que estabelezan o contido e o alcance e corrixan esta situación.

Comentarios