Os bombeiros comarcais inician unha mobilización "permanente e indefinida" na praza do Obradoiro

Protesta dos bombeiros comarcais na compostelá praza do Obradoiro (Foto: Arxina).
Os bombeiros indicaron que a partir desta sexta feira iniciarán unha “mobilización indefinida diante da sede oficial da Presidencia da Xunta da Galiza na compostelá Praza do Obradoiro”.

Están en folga desde o verán e desde entón as mobilizacións sucédense. Os bombeiros comarcais continúan coa súa xeira de actos reivindicativos esta sexta feira en Santiago de Compostela e desta vez cunha “mobilización permanente”.

Nun comunicado indicaron que a partir desta xornada iniciarán unha “mobilización indefinida diante da sede oficial da Presidencia da Xunta da Galiza na praza do Obradoiro”.

“A idea é visibilizar o problema existente co colectivo de bombeiros comarcais a nivel galego”, aseguran no comunicado.

CIG, UXT, CCOO, USO, CSIF e Sibgal, o comité de folga, informaron no seu día de que comunicaran á Subdelegación do Goberno español na Coruña que pretendían iniciar unha protesta pacífica no Obradoiro "en formato acampada".

Solicitude denegada

Porén, a solicitude foi denegada tras os informes da policía nacional nos cales se apuntaba á organización de actos relacionados co Nadal no espazo e ao risco por alerta terrorista.

Por tanto, decidiron que a protesta se desenvolverá como unha concentración permanente cun retén de 20 bombeiros que durante a noite será menor pola negativa das autoridades a que se instalen tendas de campaña. Mais a súa presenza de forma indefinida si está garantida.

Esta nova acción reivindicativa responde o "crecente descontento" coa Xunta da Galiza e as Deputacións, ás que acusan de "romper acordos e mentir aos medios" mentres denuncian "un novo empeoramento" das condicións laborais do persoal. A pasada semana censuraban que "unicamente hai acordo nun dos catro puntos", o relativo aos días de asuntos propios cos que poderían contar: un total de seis anuais.