A automoción galega quere aplicar ERTE ordinarios até fin de ano

As empresas aseguran que esta medida procura axustar  a produción á demanda de vehículos. Os sindicatos valoran de maneira desigual a medida e agardan que se manteñan as condicións actuais aplicados por causas de forza maior.

Planta de PSA- Citröen en Vigo (PSA)
photo_camera Planta de PSA- Citröen en Vigo (PSA)

A extensión dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) poderían estenderse até finais de ano no ámbito galego da automoción. É a intención das empresas deste sector segundo explican os sindicatos. Neste caso a medida sería ordinaria, non por forza maior como están a ser agora, e aplicaríanse a partir do remate do estado de alarma actual.     

Segundo explica Comisións Obreiras (CCOO) as empresas optarían por esta medida para axustar a produción das fábricas á demanda de automóbiles, que se espera rexistre un descenso importante debido á crise sanitaria que ten lugar a nivel mundial.

Os ERTE, para CCOO, facilitan "adaptar as súas necesidades produtivas sen acometer despedimentos" e propoñen que as condicións acordadas para a tramitación dos actuais se estendan aos ordinarios.

Primeiras empresas en negociar estes novos ERTE

Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) explican que o anuncio de que as plantas de PSA Citröen, incluída a factoría de Vigo, permanecerán fechadas até que non se reactive o mercado de vendas motivaron tamén a adopción destas medidas. Na planta viguesa de PSA Citröen o Sindicato Independente de Traballadores (SIT) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UXT) negociaron a aplicación dun ERTE até final de ano unha vez que se renove a produción e se levante o estado de alarma.

Outras empresa xa deron pasos neste sentido. Plastic Omnium espera constituír esta segunda feira 27 de abril unha mesa para negociar un expediente ordinario que busca aplicar de modo rotativo ao seu persoal até finais de 2020.

Po outro lado, as plantas galegas de Denso, Grupo Copo, Borgwarner, Magna International e Benteler, radicadas na área de Vigo, iniciaron este mesmo procedemento, que se espera que comecen, nos vindeiros días, o resto de fábricas do sector.

Ante esta perspectiva, unha portavoz da CIG advertiu de que este sindicato "non asinará" expedientes de empresas cuxa tramitación signifique que a calidade das condicións laborais dos traballadores se vexa afectada.

Comentarios